O Arousa estréase na Copa Federación en Negreira

Vilagarcía / La Voz

RIBADUMIA

Jorge Otero fará rotacións respecto á Liga, co cadro arlequinado repetindo o domingo visita ao seu rival desta noite

31 ago 2016 . Actualizado a las 08:57 h.

O Municipal Jesús García Calvo de Negreira, ás nove da noite, é hoxe o punto de partida do camiño do Arousa na Copa Federación. Un camiño que no seo do club vilagarcián desexan de longa duración, cos homes de Jorge Otero disputando uns oitavos de final da fase galega, a partido único, do que é un campionato estatal, no que tamén compite un Ribadumia exento da primeira rolda por sorteo.

O adestrador do Arousa adiantaba onte a súa intención de introducir rotacións no once co que o cadro arlequinado sumaba un empate sen goles na Lomba o pasado domingo ante o poderoso Cerceda. Sen os lesionados de media duración Manu Justo e Alberto Cabanyes, nin dun Eloy probablemente dispoñible este domingo para a volta ao campo do Negreira, xa en partido de 3 puntos na terceira xornada da Liga de Terceira División. Aitor Díaz, cunha escordadura nun cóbado a raíz dun golpe no choque co Cerceda, é o descarte a fin de non correr riscos innecesarios -a lesión non lle esixíu parar-. A partir de aí, o preparador do conxunto vilagarcián anuncia que os futbolistas inéditos nas dúas primeiras semanas de competición oficial terán a súa oportunidade durante a primeira visita a Negreira. Con Roberto Pazos coma probable ocupante de saída na portería, e con Carlos, no centro da defensa, Carballa, no dobre pivote, e Álvaro, na liña de ataque, apuntando máis a homes de refresco tras o descanso.

Jorge Otero referíuse á Copa Federación como «unha competición máis, e como tal imos tentar gañar cada partido, e ser mellor equipo cada vez».