Cesures reparte 300 exemplares dos relatos premiados no certame de relatos Oria Moreno
PONTECESURES
Esta cita procura reivindicar o papel das mulleres cesureñas e promover o hábito da escrita entre a mocidade galega
26 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A concelleira de Igualdade de Pontecesures, Pilar García Dios, no marco dos actos da programación do 25-N, fixo entrega aos alumnos dos diversos centros educativos do municipio de 300 exemplares do libro que recolle os catro relatos gañadores da primeira edición do premio Oria Moreno. Unha iniciativa posta en marcha polo goberno liderado por Maite Tocino e que pretende poñer en valor o papel das mulleres cesureñas, incentivar a creación en lingua galega e, en xeral, promover o hábito da escritura entre a xuventude, nun momento en que o proceso de dixitalización está facendo que se perda. «Queremos que a mocidade reconecte con valores como a dedicación, o rigor, a paciencia ou a análise», explica Tocino.
A temática dos escritos debía xirar en torno ás mulleres da localidade, «para amosar que hai referentes femininas próximas, que poderiamos atopar na rúa». O concurso leva o nome da pintora e ceramista Oria Moreno, unha das mulleres que puxo o seu pincel a cargo da Cerámica Celta e que colaborou estreitamente con Asorey. Outras figuras que se quixeron poñer en valor foron a escultora de barro Maruja A Cuca, a activista Carmiña Sierra ou a empresaria Noa Bouzón, que dirixe máis de 20 talleres mecánicos por toda España.
As gañadoras da primeira edición nas diferentes categorías por idades foron Clara Sorribas, Claudia Coira, María de Xacobe e Alba Sánchez. As súas obras son recollidas nunha publicación maquetada e editada por Cuarto de Inverno, que tamén ten a unha muller cesureña á súa fronte, Andrea Jamardo.
O Oria Moreno aspira a ser un certame referente na comunidade. As bases da segunda edición xa foron publicadas. Poden presentarse a ela estudantes de quinto curso de Primaria en diante de toda Galicia.