Por aí semella vir a súa predisposición para asumir o marrón que se lles presentou aos pioneiros do baloncesto cesureño cando na segunda tempada do club os tres adultos que respaldaran o proxecto tiveron que abandonalo por traballo. «Eramos rapaces que acababamos de facer os 18 anos. E uns cantos decidimos coller a directiva. Era iso, ou o club desaparecía», conta Fruqui, tesoureiro naquel curso 1987/88 no que tamén foi xogador e mais adestrador. Ao ano seguinte Miguel Miguéns, que aceptara a responsabilidade da presidencia, tamén se tivo que apartar, por estudos, coincidindo coa marcha de boa parte do grupo fundacional. A resposta do noso rostro do deporte foi coller a presidencia, e tirar adiante ao tempo que comezaba a sacarse os títulos oficiais de adestrador, con Pepe Casal e o preparador físico José Andrés, integrantes do corpo técnico do Obradoiro a finais dos 80, como mestres no seu primeiro curso. Gastando 500 pesetas do seu peto de vinteañeiro en fotocopiar unhas fichas de exercicios do OAR que lle prestara un técnico do club ferrolán co que coincidira nunhas xornadas educativas. Era o prólogo a unha nova década, a dos 90, que lle depararía a Fruqui e mais ao baloncesto cesureño unha viaxe en montaña rusa.
Comezaron chegar as alegrías deportivas, clasificando o equipo xuvenil por primeira vez para a Liga Galega, na tempada 1990/91, e medíndose a xente como o no futuro seleccionador español Moncho López, en calidade de adestrador do Narón. En 1991 a estrutura do club traspasouse a Padrón xusto cando comezaba a despegar, cun terceiro equipo de base en capela máis o sénior, polo incumprimento, lembra Fruqui, das promesas de apoio económico do entón alcalde de Pontecesures, José Piñeiro Ares. Un lustro tardou en facer o camiño de volta, co cambio de rexedor animando a un novo grupo de rapaces a recuperar o C.B. Cesures. Fruqui retornou na campaña 1996/97 de Padrón, onde só exercera de adestrador, co seu primeiro ascenso desde Liga Zonal co equipo sénior no peto. Unha efémera experiencia de club mancomunado entre Pontecesures, Caldas e Cuntis (1997/98) e o xurdimento do primeiro equipo cesureño feminino despediron o Século XX, dando entrada a un Século XXI que arrincou coa fusión do C.B. Cesures e o C.B. Concello de Valga no ano 2000.