A colareira Montse Betanzos e a asociación Albor, nos Premios Mulleres Femupo
O GROVE
O sábado 11 de abril vaise celebrar na Finca Batacos, en Pontevedra, a gala de entrega dos Premios Mulleres Femupo, otorgados pola Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo). O evento pretende ser un momento de «recoñecemento das mulleres referentes da provincia», e estará presentado pola xornalista Ana Pérez, quen conducirá unha velada que reunirá a representantes institucionais, entidades sociais e persoas comprometidas coa igualdade.
Estes galardóns, din dende a organización, pretenden recoñecer «o labor de mulleres e colectivos que contribúen de maneira exemplar ao desenvolvemento social, cultural e económico do territorio». Na lista dos premiados figuran dous nomes que nos traen ata a beira sur da ría de Arousa. por unha banda, Montse Betanzos, artesá colareira do Grove, que será recoñecida na categoría de cultura. Na de asociacionismo, o premio viaxa ata Valga e, máis en concreto, ata a asociación de mulleres rurais Albor. Nesta edición tamén serán recoñecidas as veteranas do Club de Remo Vila de Cangas, na categoría de deporte; o CIM A Lama, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes, na categoría de Administración e Raquel Touceda, de Fresas Touceda, na categoría de Empresa.
O evento incluirá a cerimonia de entrega dos premios, a amenización musical a cargo de Noite Son e un cóctel final de confraternización, nun espazo pensado para compartir experiencias e reforzar o compromiso colectivo coa igualdade. Desde Femupo sinalan que esta edición promete ser unha das máis especiais ata o momento, consolidando estes premios como un espazo de encontro para visibilizar referentes femininos e poñer en valor o papel das mulleres.