Das queimas

O GROVE

FOTOTECA NACIONAL

A multiplicidade de usos de montes, terras de cultivo ou pasto reducíronse a un único destino: como explotación forestal sen valeren para outra cousa, di o autor

14 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Alá polos anos setenta, unha tarde de estío de moita seca, escoitei gritar: «Queima, queima!». Non dicían incendio, como se leva agora. E todos os veciños, ao oír aqueles berros desesperados saíron, solidarios, cara ao monte que ardía, armados con forcadas, pas, ramos de xestas, cada un co que consideraba máis axeitado para matar o lume. Era en Pedras Negras, a rentes de onde hoxe hai unha urbanización de veraneo. Foi a primeira vez que vin unha queima e lembro a profunda tristeza que daban aquelas árbores negras e o cheiro da borralla a fumegar despois de que os veciños conseguisen apagar o lume. Non había servizos contra o fogo, nin bombeiros, nin axentes forestais; non só porque eran outros tempos senón porque o normal era que non prendesen coa frecuencia de hoxe. Desapareceu a palabra queima —quizá polos remorsos que tiña de tradición ancestral para futuras rozas, ou transformación en lugares de pastoreo— e daquela en diante substituíuse por incendio forestal, a medida que se foron facendo frecuentes. Ata ese tempo os montes eran unha despensa e estaban limpos. Cortábanse as árbores e as ramas para madeira, construír apeiros ou leña só cando secaban; o estrume empregábase en estrar as cortes e producir esterco para fertilizar as leiras; e quen os tiña cheos de valume era visto como lacazán e ademais, as terras de cultivo ocupaban a maior parte da superficie do municipio.

Arestora ningún veciño acudimos a extinguir os lumes de cada verán e quedámonos a contemplar como pasan os de emerxencias coas bucinas a todo meter e a criticar se van tarde; as brañas, prados e terras de labranza están comestas polo arborado ventureiro e a superficie forestal e de matogueira é moi superior á daqueles meus tempos da infancia. A multiplicidade de usos de montes, terras de cultivo ou pasto reducíronse a un único destino: como explotación forestal sen valeren para outra cousa. Agora, cando xa non hai gando, salgueiros e amieiros inútiles ocupan as terras húmidas e non deixan fluír aos regatos, que nin regan nada, nin levan forza para mover moas e pés de ningún muíño; as acacias ácidas inzan, imparables, areeiros e infestan toxeiras; os eucaliptos, co baixo contido en auga da súa madeira, coa presenza neles de aceites inflamables e a escasa sombra que dan, son fachos agardando a que lles prendan lume. Dise que hai máis eucaliptos en Galicia que en toda Australia, de onde os trouxo en mala hora Frei Rosendo Salvado no 1867. Galicia e o norte de Portugal son a nivel mundial as zonas máis castigadas polo lume en proporción ao número de hectáreas e de habitantes. A seca estival presente na meirande parte do territorio, a gran masa forestal, a acumulación de broza nos montes e a reforestación con coníferas e especies pirófitas, explican a esaxerada incidencia dos incendios en Galicia. A iso hai que engadir a chamada industria do lume —maquinaria, persoal e dispositivos de prevención e extinción de incendios, que xera máis diñeiro que o propio monte—, o vagar da concentración parcelaria, a presión urbanística e a falta de ordenación territorial que produce despoboamento rural, presión edificatoria na costa, perda de patrimonio natural, degradación medioambiental e, como ocorreu en San Vicente, desaparición da paisaxe agraria e dos usos e aproveitamentos asociados a ela.

En Galicia hai eses pouco máis de cincuenta anos, cando desapareceu a palabra queima, viviamos no campo o 75% dos galegos e neste século deuse a reviravolta cun 80% da poboación urbana, moita desarraigada, e só un 20 % nun rural que deixamos esmorecer. Os de hoxe son, sen dúbida, tempos mellores que os anos setenta. Pero non todo era malo daquela e vainos a vida en recuperar aspectos como a solidariedade, os espazos cultivados e o coidado das propiedades. Sería un orgullo aprendermos de nós mesmos.