De protexer a memoria de séculos

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

O GROVE

ADRIÁN BAÚLDE

Non é que a microtoponimia, poida substituír á arqueoloxía nin á historia documentada, pero sen dúbida é un libro de autoría colectiva, transmitido por xeracións, que permite que nos acheguemos á historia

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo pasado dicía que no Salnés só Cambados con 1474, Catoira con 1.521, O Grove con 1.169 e Ribadumia con 1.226 tiñan feita a preceptiva recolleita dos seus micro topónimos. O resto dos concellos, probablemente nin teñan iniciado esa tarefa que, esperemos, asuman pronto. Facendo unha sinxela división entre número de denominacións e superficie de cada municipio, dános que, máis ou menos, cada trinta e un ferrados hai un topónimo; tendo en conta que hai nomes de lugar referidos a espazos menores non creo que se desvirtúe esa media dun topónimo cada dúas hectáreas. Un dato interesante porque, entre outras cousas, reflicte unha moi larga ocupación histórica destas terras e unha explotación intensísima, como é habitual en toda Galicia e no norte de Portugal, onde é común esta gran densidade toponímica que fai que ningún espazo sexa anónimo e que se explica pola extraordinaria intensidade nos aproveitamentos, a variedade morfolóxica do terreo, a biodiversidade, ou a antigüidade no poboamento. Evidentemente non é que a microtoponimia, poida substituír á arqueoloxía nin á historia documentada, pero sen dúbida é un libro de autoría colectiva, transmitido por xeracións, que permite que nos acheguemos á historia, a profundas capas lingüísticas e ás vivencias de cada lugar cunha descrición contada desde a memoria, os traballos e a experiencia común dos sucesivos ocupantes deste territorio. É un compendio que hai que manter aberto a través da recompilación e da sinalización física, como xeito de facer visibles que características concretas da terra eran significativas para os sucesivos poboadores que, ademais, poderán ser mellor coñecidos mediante o estudo da orixe lingüística de cada un deses nomes. Porque non podemos ignorar que cada denominación concreta fai referencia a algo notorio aos ollos dos grupos que a impuxeron motivada por un uso, unha calidade, unha relación de propiedade… Para que un nome de lugar quede fixado ou tivo que concorrer algún feito destacado nese lugar, -un exemplo pode ser Gondar, que refire unha batalla nunha lingua que hoxe non existe-, ou os coñecedores dese medio, xeralmente con dedicación á explotación da terra, viron alí determinadas propiedades, vexetais ou usos, como poden ser Agromeán-terra vizosa-, Barreiro, Armenteira -de rabaños-, Carballeira ou Xesteira; ou situouse algún edificio destacado como Torre, Graña -granxa- ou mesmo Modias -quizá dólmenes-. Tamén lembran poboacións e aí nos quedan Siradella -civitatella-, un castro en cada aldea ou os nomes rematados en -bre. Ou mesmo a denominación de cada camiño. No meu San Vicente sempre recordarei a costa empedrada denominada Ruidantes que remataba nunha pontella que algún animal desde o Concello acordou atuír con asfalto. Características do espazo como Corgo, lugar inundable, ou Vao, paso, son vestixios do que foi e xa non é. Mesmo referencias á fauna como Ardia -abondosa en garzas-, Covas de Lobos, Coenlleiras ou Raposeira, algo significan. Ou os recordos de actuacións sociais como Tomadas, Alargos ou Cachadas. Son denominacións que se repiten na maioría dos municipios e que conteñen explicacións do que fomos vendo e facendo. Esta riqueza, fascinante, corre perigo ao non estar sendo protexida como debera. En primeiro lugar pola inacción dos Concellos que poderían actuar sinalizando cada un dos lugares e incorporándoos á cartografía oficial, ao Catastro ou, incluso, a calquera das diversas aplicacións informáticas de uso popular como Google Maps e outras semellantes. Tampouco estaría de máis que a Comisión de Toponimia deixase de estar adscrita a Presidencia e se integrase en Patrimonio, que por algo legalmente a toponimia é patrimonio cultural inmaterial, e se dotase de medios para incorporar toda a micro toponimia á cartografía. Na actualidade dispomos de medios potentes para conseguir que non desapareza a microtoponimia como testemuño da historia e do noso xeito de vivir e enfocar a vida. Só queda poñer a vontade.