De andar a correr sen moverse

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

O GROVE

CEDIDA

A toponimia non está totalmente incorporada aos instrumentos urbanísticos, que conteñen erros notorios

19 sep 2021 . Actualizado a las 20:18 h.

O Grove, ou A Illa, ou, por poñer, a maior parte de Vilanova son sitios de destino, non de paso. Así que sempre haberá neles un moito de autarquía: ou ofrecen algo propio ou, por estaren fóra de rutas, non recibirán visitantes nin participarán nos circuítos económicos. Por iso neses lugares é máis importante que noutros a conservación e defensa do propio, do particular, do distinto como atractivos. Entre esa riqueza hai aspectos que non estiveron coidados nunca como, particularmente, ocorreu co urbanismo tradicional porque a voracidade do crecemento económico, axudado por un entorno de rexeitamento do propio, desde os anos 60 do pasado século levou a que resultase imperante o afán de edificar sen control, con absoluto desprezo do que, no fondo, pensábase que retrataba unha pasada pobreza; un andazo que levou a despersonalizar esas vilas destruíndo as construcións propias dos núcleos mariñeiros e agrarios, substituíndoas por edificios ou vulgares ou especialmente de mal gusto.

Houbo unha loita a matar contra o propio, coa teima de remedar modelos alleos. Nestas zonas o urbanismo que se practicou tivo como leitmotiv poder construír edificios novos destruíndo todo o que soaba a pobre ou a vello. Estes días tiven ocasión de darlle unha ollada o malfadado PXOM que O Grove aprobou para remitir aos organismos competentes da Xunta de Galicia. Que pobreza, que falta de deseño do futuro, que desdebuxado, como se empuxa para que se vulgarice esa vila! Quixérame deter non nunha análise dese concreto PXOM -que tomo como exemplo- senón na relación entre as normas urbanísticas e a microtoponimia, xa que esta, como os vellos barrios mariñeiros ou agrarios, tamén reflicte o propio, o auténtico, o que hai que conservar.

Na maioría das normas municipais empréganse unhas bases cartográficas que esquecen esa microtoponimia, á que se condena así a desaparecer. A Lei de Patrimonio Cultural establece que a toponimia é patrimonio cultural inmaterial e obriga a documentala e preservala seguindo as indicacións e recomendacións de organismos internacionais. Nas Directrices da Paisaxe de Galicia, do ano 2020, figura o mandato de catalogar a toponimia elaborando rexistros «como elemento fundamental para a interpretación do territorio, das súas características e dos elementos destacables da paisaxe, así como indicador do xeito no que as persoas perciben o entorno de seu». E ademais establecen que haberá que difundila para potenciar o seu coñecemento e que se produza unha transmisión interxeracional que a manteña viva. Fundamental. No Grove os servizos municipais, grazas á dedicación persoal de Arximiro F. Cabanelas, teñen completada a recolleita de topónimos, coa localización concreta de 1.169 denominacións. Cambados, con 1.474, Ribadumia con 1.226 e Catoira con 1.521, tamén. Un bo traballo. A Illa, Vilanova, Vilagarcía, Meis, Meaño e Sanxenxo ou non iniciaron ou non completaron esa tarefa necesaria.

O curioso de todo isto é que nin a Xunta nin os concellos incorporaron ese patrimonio cultural á planimetría oficial sobre a que se deseñan os planeamentos urbanísticos, que é onde debería estar para que resulten coñecidos e que perduren. As normas urbanísticas do Grove, Cambados, Ribadumia e Catoira conteñen unha mínima parte desa toponimia cando sería doado incorporala toda. Particularmente no do Grove, que aprobou ese novo PXOM hai escasas datas, figuran moi pouco máis que núcleos de poboación. E, por outra banda, vense nel erros lamentables, entre os que seguramente destaca a deturpación, e case ausencia, da riquísima talasonimia, que tan útil foi para os mariñeiros. Un dos erros do que xa falei aquí hai moitos anos -por iso penso que ninguén me fai caso- permanece contra vento e marea: a praia Burato da Londra aparece como Praia do Burato da Alondra. Outra vergoña que non se corrixe. Por moito que pareza que corremos, en realidade non nos movemos.