De dar voltas ao redor

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

O GROVE

XOAN A. SOLER

Estes días xurde outra vez o estado de alarma como instrumento para combater a peste

30 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días xurde outra vez o estado de alarma como instrumento para combater a peste. Agora, a diferenza do sostido antes, dísenos que se pode partillar: un estado de alarma para aquí e outro para alá. É imposible legalmente. Nesta mesma columna desde o 14 de marzo de 2020, expuxen, reiteradamente: que non procedía a declaración do estado excepcional de alarma, que a lexislación sanitaria estaba obsoleta e que non era capaz de entender cal era a razón de que os lexisladores non se puxesen coa súa actualización e critiquei ata que se fosen de vacacións nesta situación. Pois sigo a dicir o mesmo e engado que no momento actual non se pode declarar o estado de alarma por territorios. A Lei Orgánica 4/1981, de 1 de xuño, dos estados de alarma, excepción e sitio aplicarase «cando circunstancias extraordinarias fixesen imposible o mantemento da normalidade mediante os poderes ordinarios das autoridades competentes». O artigo 4 establece que se poderá declarar ese estado de alarma en todo ou en parte do territorio nacional en crises sanitarias, tales como a epidemia que sufrimos. De acordo, di iso; pero hai que seguir a ler. Pódese declarar a alarma nun espazo determinado, pero, claramente, so e exclusivamente cando a peste afecte unicamente a todo ou parte do territorio dunha Comunidade Autónoma; nese caso o presidente dela poderalle solicitar ao Goberno central esa declaración durante quince días prorrogables coa autorización do Congreso. E, por poñer, se Galicia, País Vasco ou Cataluña sufrisen esa peste elas soas, toda a Administración quedaría baixo as ordes dos respectivos presidentes autonómicos. O Decreto de declaración do estado de alarma podería acordar limitar a circulación ou permanencia de vehículos ou persoas en horas e lugares determinados, non indiscriminadamente, intervir e ocupar industrias e limitar ou racionar o uso de servizos ou o consumo de artigos de primeira necesidade e tomar medidas para a loita contra as enfermidades infecciosas. Nese caso a autoridade competente sería o Presidente dese territorio, que tería ás súas ordes ás autoridades civís, policía nacional e local e a tódolos funcionarios. Así que tendo en conta que a peste afecta actualmente a todo o Estado, sería contrario á letra da Lei Orgánica 4/1981 que se declarase o estado de alarma partillado por Comunidades Autónomas.

 

Facer iso, partillar, sería ir infrinxir esa Lei. Ademais convén reflexionar en que, unha vez cesado o estado de alarma previo, as Comunidades Autónomas, ó amparo da obsoleta lexislación de saúde pública e exercendo competencias propias, están a ditar medidas baseadas na lexislación sanitaria vixente. Con malos resultados, iso si. Pode ser claro que só con lexislación non se combata ese virus estendido polo mundo. Mais realmente axudaría actuar con criterios preestablecidos, que terían influído en non ser primeiros nas estatísticas de mortos e contaxiados. Nin o lexislador, nin o Goberno afrontaron esa tarefa imprescindible. Andan ás voltas sen saber ir nin chegar a ningures.