A comarca repite practicamente o 10% dos beneficiarios do programa DGAN

La Voz

O GROVE

CEDIDA

Teresa Portela releva a Camila Morison como a deportista da zona coa maior axuda autonómica anual

03 ene 2020 . Actualizado a las 15:51 h.

Nove dos dez deportistas de alto nivel recoñecidos no listado do Consejo Superior de Deportes español figuran tamén na nómina de 250 beneficiarios da convocatoria de axudas aos Deportistas Galegos de Alto Nivel (DGAN) 2019 aprobada o pasado venres. Todos, agás Iago Monteagudo. E os nove aparecen nas dúas categorías con maiores retribucións das catro das que participan os 22 deportistas arousáns ou de clubs da comarca con dereito a entrar no reparto dunha partida total de 403.800 euros, que a Secretaría Xeral para o Deporte distribúe desta volta entre 250 beneficiarios -no 2018 foran 200 de toda Galicia, 21 deles de Arousa, para unha bolsa global de 348.790 euros).

Un ano atrás a kayakista do Náutico Pontecesures Camila Aldana Morison Rey fora a única arousá en recibir a DGAN 3, dotada con 4.500 euros. Desta volta é Teresa Portela a que se fixo acredora do mencionado nivel, baixando Morison a unha axuda DGAN 6 de 825 euros.

Sen abandonar o piragüismo, recibirán cadansúa axuda DGAN 4, de 2.000 euros, Tania Álvarez, Tono Campos, Noel Domínguez, Manuel Fontán, Carla Frieiro, Natalia García, Diego Romero e a paracanoísta do Breogán Elena del Mar Naveiro; mentres que Raquel da Costa, a tempada pasada nas filas das Torres-Romaría Vikinga, e María Pérez, do Náutico O Muíño, levan 1.000 euros dunha DGAN 5, polos 375 de Fátima Ordóñez, das Torres-Romaría Vikinga, dunha DGAN 6.

Polo que se refire a outros deportes, o regatista vilagarcián Gerardo Prego é o único arousán en facerse cos 2.000 euros da axuda DGAN 4. O tamén regatista, e deportista de alto nivel español Jacobo García só percibe 1.125 euros da xunta por unha DGAN 6, a que lles correspondeu, con diferentes contías, á tenista Jéssica Bouzas (300 euros), á atleta Raquel Meaños (1.000, a taekuondista do Olimpic de Vilagarcía Lúa Piñeiro (750), aos canicrossers Mónica Touriño (600) e Óscar Piñeiro (1.000) e aos kenpocas Pedro Muñoz (1.000) e Ricardo Ramos (1.000).