Paradela camiña por unha causa nobre entre muíños e baños presidenciais

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

A andaina solidaria pasará pola área recreativa das Eixás, unha paraxe de gran beleza natural ás beiras do Umia
A andaina solidaria pasará pola área recreativa das Eixás, unha paraxe de gran beleza natural ás beiras do Umia Martina Miser

A asociación cultural Santa María convoca para o 7 de febreiro a súa terceira Andaina Solidaria, a favor do Banco de Alimentos Rías Baixas

20 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo 7 de febreiro, o Campo da Boca, en Paradela de Meis, converterase no punto de partida dunha xornada que mestura o deporte, a solidariedade e o descubrimento do patrimonio local. A Andaina Solidaria, organizada pola asociación cultural Santa María, arrancará ás dez da mañá co obxectivo de recadar fondos para o Banco de Alimentos Rías Baixas.

A inscrición pode realizarse no café bar A Boca, nas redes sociais da asociación ou a través dos números de teléfono 652 825 213 e 607 637 165. Ten un custo de 5 euros, que se destinarán integramente á entidade benéfica. O trazado, de sete quilómetros, discorre pola área recreativa das Eixás, a carón do río Umia que garda segredos históricos fascinantes. Os camiñantes pasarán pola praia fluvial e o muíño tradicional, cuxa pedra procede da canteira do Monte da Croa e foi transportada en vagonetas sobre carrís ata este lugar.

Este muíño, de grandes dimensións, destaca por contar con catro pedras de moer e unha vivenda na súa parte superior. O itinerario inclúe tamén o paso polo atranco de pedra, construído orixinalmente para desviar o caudal cara á canle que alimentaba a maquinaria.

A ruta non só ofrece natureza, senón tamén anécdotas que xa forman parte do imaxinario de Meis. A zona acadara notoriedade internacional moito antes de que o expresidente Mariano Rajoy se bañase aquí en xullo do 2015. En 1882, o duque de Edimburgo, fillo da raíña Vitoria do Reino Unido, estivera a piques de afogar no propio Umia mentres pescaba en Paradela. O evento conta coa colaboración do Concello de Meis, a Deputación de Pontevedra e Protección Civil, entre outras entidades.