Marta Giráldez, candidata do PSOE en Meis: «Son unha muller orquestra»

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido MEIS / LA VOZ

MEIS

Martina Miser

En Meis son algo más de catro mil os electores que acudirán a votar para definir os once concelleiros da corporación

17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Marta Giráldez (PSOE) rachou hai catro anos co histórico dominio que mantiña o PP en Meis e chegou á alcaldía.

—Cambia moito a vida cando unha é alcaldesa?

—Cambia bastante. Tes a responsabilidade de servir os teus veciños e fas cábalas para intentar chegar a todo. O ritmo é rápido. Pasan os días a toda velocidade.

—E isto é como o que din que pasa cando che toca a lotería, que aparecen supostos amigos por todos lados?

—Coñeces xente que non coñecías, pero isto colleume cunha idade na que xa tes os pés na terra. Encántame falar con todo o mundo e filtrar a información.

—En Meis hai moitas pedras para que poidan aparecer amigos debaixo delas...

—Hainas. As mellores pedras do mundo están en Meis.

—E os amigos de verdade, hai tempo para coidalos?

—A familia e os amigos é o que hai que coidar. Nos dous primeiros anos de mandato tiven o meu irmán moi enfermo e non pasei nin unha semana sen velo. Agora acaban de lle diagnosticar outro a un amigo, que é tamén familia. E aí estarei tamén.

—Nestas eleccións hai rival duro, porque o PP leva a Jesucristo (Marcos Roma, o actor que o representa na Semana Santa de Paradela é o número oito na lista dos populares)...

—Xa houbo algún outro Jesucristo antes na lista do PP, pero a este fixémoslle diante da casa unha obra que non se fixera en corenta anos. A min ofrecéuseme vir hai catro anos de número dous un que agora vai de tres na do PP.

—Falar de Meis e falar dos callos. Cal é o segredo para que non senten mal os callos cando se comen a corenta grados?

—O segredo é que fanse con moito agarimo. Gústanlle a todo o mundo e os que veñen comelos marchan moi agradecidos.

—E vostede sabe facelos?

—Non. Non cociño nin un ovo fritido. Non me gusta nada o da cociña.

—Participou algunha vez na representación da Semana Santa de Paradela?

—Eu tocaba na banda de música.

—Na banda? E que instrumento tocaba?

—O saxo tenor, pero son unha muller orquestra.

—Explíquese.

—Toco a gaita, a pandeireta, ata toquei o baixo nun grupo de rock que tiñamos no instituto. Somos unha familia moi relacionada coa música. Meu irmán era músico profesional.

—Segue a darlle ou deixouno?

—Cando estaba ca carreira deixei a banda, pero de cando en vez aínda me arranco con algo. Na sardiñada do San Xoán había un grupo de gaitas e toquei o tambor con eles, que tamén sei darlle.

—E para bailar, verbena ou discoteca?

—Non son de bailar. A min gústame moito falar, e para iso son mellores as verbenas cas discotecas.