Os 99 anos de Sofía Castro, «a Avispa»

Serxio González Souto
serxio gonzález MEIS / LA VOZ

MEIS

Martina Miser

81 persoas de catro xeracións reuníronse en Meis para brindar pola súa matriarca, á beira xa da centuria

10 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando un se anima a fundar unha familia, algo que no tempo de Sofía Castro González dábase por cousa feita a non ser que unha quedase na casa dos pais para vestir santos, non adoita pensar no que pode sementar para un futuro ao lonxe. Trátase de levar a vida adiante, e o que teña que vir, que veña. Sofía algo ulía, de todos os xeitos, cando dende hai un par de días comezou a ver tanto movemento pola vivenda de San Martiño de Meis na que ela e o seu home, Manuel, criaron seis fillos e deron pe a unha longuísima saga. «A verdade é que a avoa fala moi pouquiño xa, pero a cabeza funciónalle moi ben e si que está un tanto estrañada», recoñecía onte, poucas horas antes da celebración, Sofi, a neta que leva o seu mesmo nome.

O conto é que Sofía, alcumada a Avispa, vén de cumprir os 99 anos, a un só da centuria. E a súa xente pensou que non había mellor xeito de brindar por ela que reunir na casa a todos os seus fillos e a cantos netos e bisnetos fose posible. Que conste que na familia hai xa unha quinta xeración. Lucas, que naceu hai apenas dúas semanas en Asturias, pero o pequeno non puido vir a Meis cos seus pais.

Ollo ao número de comensais que sentaron á mesa. Ricardo, Carlos, Paco, Rosa, Teresa e Ana presidían o convite xunta a súa nai. Tres homes e tres mulleres. O máis vello ten 76 anos. Naceu, polo tanto, cando Sofía tiña 23. A máis nova fixo xa os 52, así que a súa mai andaba polos 47 anos cando deu a luz por última vez. En total, setenta adultos e once nenos a xantar, entre familia, amigos e veciños.

Lucas, o tataraneto

Os seis fillos tiveron, á súa vez, dezaseis netos. Dous viven en Alemaña, cinco en Asturias, dous en San Miguel, tres no Areal, dous en Cabeza de Boi e tres na casa matriz de San Martiño. Hai xa no grupo 22 bisnetos. E, queda dito, un primeiro tataraneto, o pequeno Lucas, que calquera día coñecerá a súa tataravoa.

Sofía emocionouse cando, a iso do mediodía, os seus concentráronse ás portas da vivenda de San Martiño. Aos seus anos non é doado manter a capacidade física, e a Avispa precisa hoxe dunha cadeira de rodas para se desprazar. Iso non foi obstáculo para que saíse quitar a foto de familia dun enorme aniversario.

Tivo a súa torta e moitos agasallos. Un deles, unha caixa de bombóns, gustoulle tanto que non quixo soltalo. Xa fóra, 99 foguetes voaron, un atrás do outro, para anunciar os 99 anos de Sofía. E comprenderán vostedes que ninguén, por moita maña que se dea entre perolas, se animaría a cociñar dunha sentada para tanta xente. Así que a familia contratou un cátering que serviu empanada, embutidos e churrasco. ¿Pareceríalle un bo menú á avoa? «Claro que si», opina Sofi, porque hai ocasións nas que os ollos din máis cás palabras.

Sofía ten seis fillos, dezaseis netos, vinte e dous bisnetos e un tataraneto, Lucas, de só dúas semanas