Trátase de mellorar a seguridade vial e facer o espazo máis cómodo
14 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Deputación acaba de aprobar o proxecto para as obras de humanización e mellora da seguridade viaria na rúa Campo da Feira, na contorna da casa consistorial de Meaño, cun orzamento de algo máis de 450.000 euros, dos que a Deputación achega o 70%, arredor de 318.000 euros, e o Concello de Meaño os 136.300 restantes correspondentes ao 30% do orzamento total. O obxectivo é levar a cabo unha reorganización desta zona para que recupere a súa funcionalidade como extensión do Campo da Feira.
O proxecto céntrase nun treito de cen metros de lonxitude na EP-9303 que une as localidades de Meaño e Dena, no que presenta un carril de circulación por sentido, bandas de aparcamento en liña e beirarrúas en ambas marxes cuns anchos insuficientes. A intervención buscará construír unha zona de convivencia en plataforma única de prioridade peonil, cunha estética coidada, mobiliario urbano e vexetación. Así mesmo, inclúese no proxecto unha renovación da rede de pluviais, ademais das instalacións de saneamento, rego e a reposición da iluminación.