Raquel Muñiz, a meañesa de 16 anos no radar da selección española de balonmán para o Mundial Xuvenil

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

<span lang= gl >Raquel Muñiz (dereita da imaxe), nunha acción durante o partido de Liga que o Asmubal Meaño disputou co Rocasa Gran Canaria B en cancha galega</span>
Raquel Muñiz (dereita da imaxe), nunha acción durante o partido de Liga que o Asmubal Meaño disputou co Rocasa Gran Canaria B en cancha galega MARTINA MISER

A arousá vén de pechar unha semana máxica, concentrada polo corpo técnico nacional e liderando a última vitoria do Asmubal na División de Honor Plata Femenina. O consello do seu adestrador, Juan Manuel Costas, que manteña os pés no chan para seguir medrando no seu deporte

11 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten 16 anos e, polo que se ve, un futuro do máis prometedor. A mediados de xaneiro, Raquel Muñiz Díaz (Meaño, 2 de abril do 2009) atopou na bandexa de entrada do seu correo electrónico un comunicado que soaba a inocentada e que resultou agochar o máis parecido a un agasallo de Reis chegado cuns días de retraso. A Real Federación Española de Balonmano incluía o seu nome na lista de 28 xogadoras convocadas polo corpo técnico da selección feminina xuvenil a unha concentración de seis días no Centro de Alto Rendimiento de Sierra Nevada, en Granada, con vistas á Mundial do vindeiro verán. Unha lista na que a seleccionadora nacional, Cristina Cabezas, tivo moi presente o Campeonato de España de Selecciones Autonómicas celebrado a primeira semana do ano, no que Raquel, xogadora do Asmubal Meaño, brillou pola súa demostración no centro da defensa do equipo de Galicia. O pasado sábado, só 24 horas despois de chegar de volta a casa logo de seis días de intensas xornadas de traballo a máis de dous mil metros de altura en pista, pero tamén na aula e no ximnasio, Raquel botouse o equipo meañés ás costas para lideralo como máxima anotadora na súa vitoria sobre o Balonmano Gijón en xornada de Liga da División Honor Plata Femenina. E na tarde do domingo, con apenas 20 horas de descanso, redondeou unha semana máxica endosándolle 12 tantos ao Guardés na vitoria do equipo xuvenil do Asmubal no campionato regular da última categoría de formación.

«Chegoume un correo dúas semanas antes de ter que marchar a Granada. Era algo que tiña en mente, porque quedara contenta co meu traballo no campionato de España, pero non o terminaba de ver. Nun primeiro momento pensei que era unha broma», conta agora Raquel do momento no que se descubriu na lista de 28 rapazas da xeración do 2008 e 2009 con billete a Sierra Nevada.

Media vida entregada ao balonmán e catro participacións consecutivas na gran cita nacional de seleccións autonómicas despois, a meañesa vía cumprido «un soño», di, endulzado ao compartilo «acompañada da miña mellor amiga», conta referíndose á lateral do Lavadores Iris Santana, que xunto ás porteiras Raquel Blanco, do BM Porriño, e Alba Faílde, do BM Lalín, achegaron o ADN galego á concentración. 

Traballo multidisciplinar

A de Sierra Nevada en nada se pareceu á semana branca que tantos rapaces da súa quinta gozan en viaxes de Secundaria. «Tiñamos dúas sesións de adestramento en pista todos os días. Ademais, asistiamos a charlas dun nutricionista, dunha psicóloga, dos preparadores físicos e técnico-tácticas dos adestradores que traballaron con nós, Inés Hernández, a segunda adestradora do BM Porriño da Liga Iberdrola, e Manuel Etayo». Da orde dunhas cinco horas de aprendizaxe diaria de todos os campos que debe ter ben presentes e actualizados un deportista de elite hoxe.

A meañesa declárase encantada coa experiencia. «Do que máis aprendín foi dos adestradores e das miñas compañeiras, que están xogando a diferentes niveis», co engadido, comenta, de ter que adaptarse a un posto distinto ao que ocupa habitualmente no Asmubal, de lateral esquerda a pivote, especialidade esta na que se desenvolveu no campionato de España, demostrando a súa excelente capacidade de adaptación ao que precise o equipo no que xogue en cada momento. Neste punto, Raquel declara: «Sempre está ben ser polivalente. O de pivote é un posto no que me movo moito por intuición. Ao final, coñezo o traballo de primeira liña e son quen de identificar os ocos». 

Raquel Muñiz (primeira pola dereita na fila inferior), na foto de familia da concentración de Sierra Nevada,
Raquel Muñiz (primeira pola dereita na fila inferior), na foto de familia da concentración de Sierra Nevada, RFEB

A aposta do seu adestrador

Chegar ata unha concentración como a que acaba de desfrutar é froito do seu talento e traballo, pero tamén da aposta que por ela leva facendo o adestrador do Asmubal Meaño, Juan Manuel Costas. «Levo case catro anos na dinámica do primeiro equipo, desde infantil de primeiro ano. Ao principio foi difícil, estaba nerviosa, as compañeiras eran moito maiores ca min e un cambio moi importante. Pero acolléronme moi ben e axudáronme moito», De aí que hoxe Raquel queira darlle «grazas a Juan». Polo pasado, e por confiar no presente nela como titular na División Honor Plata Femenina con só 16 anos.

O último día da concentración nacional, como o resto das súas compañeiras en Sierra Nevada, Raquel mantivo unha entrevista persoal co corpo técnico, na que lle preguntaron sobre como vía o encaixe do balonmán no seu futuro. «Díxenlles que quero estudar e traballar á vez que compaxino o balonmán ao nivel máis alto que poida». Estudante de bacharelato científico, «gustaríame moito dedicarme á investigación médica, ou se non, ás mates ou físicas», di. Pero antes, por que non disputar este verán o Mundial xuvenil. «Sempre pode haber esa oportunidade», contesta Raquel.

Juan Costas: «O que ten que facer Raquel é manter os pés no chan»

Cando o pasado verán Juan Manuel Costas explicou por que decidira aceptar continuar un ano máis á fronte do primeiro equipo do Asmubal, o técnico de Mos contou que a razón principal era poder ver en acción na División Honor Plata Femenina as primeiras xogadoras produto do ambicioso proxecto de canteira no que se embarcou hai un lustro en paralelo á súa chegada ao banco de Coirón. E Raquel Muñiz non tardou nada en sobresaír entre ese grupo de catro xuvenís de primeiro ano ás que tanto protagonismo lles está a dar Costas esta tempada.

«Foi unha sorpresa para nós que a convocaran á concentración», confesa o adestrador. Pero non polo nivel da xogadora, senón polo equipo no que milita: «Raquel é boa defensora e está traballando moi ben. O que ten que facer é manter os pés no chan. Para estar arriba ten que traballar máis co resto, porque non está no Bera Bera nin no Elche», en referencia á maior facilitade que, no balonmán e en calquera outro deporte, teñen as xogadoras dos clubs top para ser coñecidas e premiadas polos corpos técnicos nacionais.

«Ela está agora nun momento moi bo, de confianza, e iso fai que pase por diante doutras xogadoras que ao mellor tamén teñen grandes capacidades innatas, pero sen traballalas», comenta Costas. De aí o seu consello a Raquel: «Ten que traballar duro e esquecer o seu entorno».