Foi un erro?

Avelino Tourís, responsable do BNG en Meaño TRIBUNA PÚBLICA

MEAÑO

M.MORALEJO

O voceiro do BNG en Meaño reflexiona sobre a distribución de libros en castelán aos nenos o Día das Letras Galegas

24 may 2021 . Actualizado a las 17:33 h.

O comunicado do Consello Local do BNG de Meaño reclamándolle ao goberno local unha explicación sobre o despropósito cometido o Día das Letras Galegas, lonxe de aclarar o acontecido, aínda afondou máis na ferida.

Non só se recoñecen erros -algo moi humano, por outra banda-, se non que a concelleira de Cultura se defende con argumentos como: «O importante é que os nenos lean»; «imos ter actividades como contacontos que posiblemente lles queden máis aos nenos que un libro en galego», ou «os pais poden cambiar os libros na libraría», como se fose un iogur caducado, o que nos leva á conclusión de que esta persoa non é apta para ocupar o seu cargo.

Señora concelleira, tivo a oportunidade de aclararlles aos veciños e veciñas de Meaño o «erro» cometido; ao non facelo, vostede deixa claro que actuou de mala fe.

O seu desprezo polo noso idioma oféndenos e, de seguro, ofende a moit@s meañeses/as. O BNG de Meaño non pode calar ante o acontecido, non nos queda outra que amosarlle de novo a nosa indignación.

Señora concelleira, sen acritude, considera que Meaño se merece isto?