A vila vivirá este domingo, ás catro da tarde, o seu desfile de entroido
19 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Catoira vivirá este domingo dende ás catro da tarde o seu desfile de entroido tras ter que adialo a semana pasada polo mal tempo e polo peche do Pavillón Municipal. O goberno local confirmou que a deste 2026 será unha das edicións con máis participación ao estaren inscritas nove comparsas, nove grupos, moitos disfraces individuais e un bo número de choqueiros, a nova modalidade introducida nos premios polo goberno local para potenciar as caracterizacións tradicionais cargadas de ironía.
O concelleiro de Cultura, Raúl Gómez, lembra que se conseguiu o obxectivo de promover a participación incrementando os premios, que ascenderán en total a 2.925 euros, coa introdución de dúas novas categorías: o paraugas mellor caracterizado e os mencionados choqueiros.
Para as comparsas destinaranse 1.750 euros, o primeiro premio subirá 150 euros até os 750 euros, o segundo terá 500 euros, o terceiro 300 e o cuarto e quinto 150 euros cada un. Volverá haber gratificacións de 100 euros para cada unha das cinco primeiras comparsas en apuntars, sempre que finalmente non resulten premiadas.
Para os disfraces individuais e de grupo haberá gratificacións de 200 euros para o primeiro premio, 100 para o segundo, 75 para o terceiro, e 50 para o cuarto e quinto, ademais de tres premios de 75 euros para os ‘choqueiros', dous vales de 50 euros nun sorteo, así como un premio de 200 euros ao paraugas mellor caracterizado.
Segundo subliña Gómez, este ano o goberno local quixo recuperar a costume dos choqueiros, disfraces tradicionais de Catoira que destacan por seren orixinais, creativos, irónicos e irreverentes ao parodiar ou caricaturizar un feito ou un personaxe local ou global seguindo o espírito de burla e transgresión do Entroido.