«O meu número de teléfono teno todo o club»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

Directiva todoterreo da Agrupación Deportiva Cortegada e do CLB de Vilagarcía desde hai 18 anos, Nuria Rial é esa peza indispensable á que recorren xogadores, pais e socios para calquera necesidade

12 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Son multitude os casos de nenos que comezan no mundo do deporte encamiñados polos seus pais. Moito menos frecuente resulta ver o fenómeno inverso. No de Nuria Rial Cespón (Catoira, 15 de maio de 1970), foi empezar a acompañar a súa filla Lorena aos adestramentos na base da Agrupación Deportiva Cortegada no pavillón do instituto de Carril, para atoparse, case de inmediato, arrimando o ombreiro, ata converterse en pouco tempo na muller da que todos no club, o Cortegada e o proxecto CLB que aglutina a canteira da entidade feminina e os equipos do BBC de Vilagarcía, teñen o seu número. Encargada das equipacións duns 400 xogadores e de solucionarlles a estancia ás profesionais do conxunto de Liga Femenina 2, dezaoito anos despois de acompañar por primeira vez a un adestramento a Lorena, a súa filla, Nuria é unha desas pezas indispensables na engranaxe dun dos maiores muíños que fan mover o baloncesto formativo galego. Tamén, quizais, a única persoa do seu club á que coñezan todos e cada un dos seus deportistas, e a maioría dos seus pais.

«Comecei a ir ao pavillón con Lorena. Ela tiña 8 anos; agora ten 26. De paso que a levaba a adestrar, sempre preguntaba se precisaban algo», recorda. A resposta era obvia. Por moito que daquela vivira instalado entre a Liga Femenina e a Eurocup —a perda do seu histórico patrocinador, Extrugasa, relegaríao ao pouco tempo á LF2, na que leva xa máis de tres lustros—, nun club modesto como o Cortegada, as poucas Nurias saídas ao camiño eran, e son, recibidas cos brazos abertos. De primeiras, os de Antolín, delegado do primeiro equipo e coñecido de Rial. Practicamente acaba de chegar, relevaba ás dúas encargadas da equipación das xogadoras, e ao pouco tempo, sumábase á directiva como vogal, asumindo ademais a función de caseira das profesionais que van pasando polo primeiro equipo. 

Mamá Noela e Rei Maga

A tempada alta de Nuria comprende as semanas previas ao inicio das competicións. É entón cando, unha vez dispón dos nomes dos rapaces, das mulleres e dos homes que lucirán os escudos do Cortegada e do CLB no novo curso deportivo, os fai pasar pola súa oficina-almacén no Pavillón Municipal Sara Gómez para tomarlles as medidas e encargar cadansúa equipación. Cando chega a roupa, Nuria dirixe un novo desfile, citando os baloncestistas para que recollan as prendas. Pero o seu labor neste campo non remata aquí. Moi ao contrario, ten continuidade o resto da tempada.

«Sempre hai unha sudadera que perden, un chándal que queren a maiores... e consígollelos. No Nadal, fago de Mamá Noela e de Rei Maga para os que queren agasallar unha camiseta ou prendas do club; se non teñen tempo para vir recollelas, acércollelas eu». Tamén, conta Nuria, «co tema de que son modista, se chega unha nena caéndolle o pantalón a un partido, amáñollo cun imperdible, ou axústolle unha camiseta a un rapaz cando fai falta».

Do que non se ocupa a muller todoterreo do Cortegada e CLB é de lavar a roupa. «Cada xogador leva a súa equipación á casa e lávaa para o seguinte partido». Cunha excepción, as contadas ocasións nas que se xoga coa segunda equipación do club. Entón é ela a que se ocupa da loxística completa, facendo o reparto puntual da roupa, recolléndoa tras o partido e lavándoa e gardándoa para a próxima na súa oficina-almacén, na que ten tamén un espazo para todas esas pezas que van quedando desemparelladas ou descatalogadas. E «de vez en cando collo a caixa e lévoa aos adestramentos para que os rapaces leven as que queiran», di. 

O incendio que quedou en susto

«Meu teléfono teno todo o mundo do club, tanto adestradores como pais, para o que precisen. Amaño calquera cousa que se necesite», di Nuria. E se non, que llelo digan ás decenas de xogadoras profesionais do Cortegada que levan pasando polo vestiario de Fontecarmoa nestes últimos case 20 anos. «Atendo todo o que necesitan nos pisos de alugueiro nos que viven. Se precisan algunha reparación, contacto cos propietarios, ou xa busco eu unha solución». Unha responsabilidade que lle valeu un moi mal momento hai algo máis de dez anos, cando un drama en potencia acabou, por fortuna, nun tremendo susto. «Houbo un incendio nun piso no que vivían tres xogadoras, noviñas. Comezou na habitación da única que non estaba nel nese momento. As outras dúas saíron ao balcón; estaban tan nerviosas que ían descalzas, cando estaban no balcón dunha habitación». Nuria recibiu unha chamada alertándoa do que estaba a pasar. «Os bombeiros sacáronas pola porta. Non chegou arder nada, pero había moito fume que saía da habitación, que estaba camiño da entrada da vivenda. As xogadoras saíron á rúa en camisetas, e eu pedindo chaquetas para abrigalas. Cando chegou a rapaza que faltaba, deulle un ataque de nervios; tivo que acabar tirando todo o que tiña».

Encargada da cantina cando se monta en ocasións especiais, responsable de surtir de auga os cinco equipos séniores do Cortegada e do CLB, Nuria acode todos os días aos pavillóns de adestramento dos 400 xogadores da súa segunda casa preguntándolles a técnicos e xogadores se precisan calquera cousa que estea na súa man.

Descartado o móbil do diñeiro, que move a entrega de Rial? As familias. Ver medrar a súa filla Lorena nas filas do Cortegada, a indescritible emoción de gozar da súa presenza na primeira fase de ascenso á Liga Femenina do equipo desde a súa caída á LF2 sendo inda júnior, e seguila cada semana xogando no baloncesto profesional a carón da lenda do club, Sara Gómez, ata que unhas oposicións a obrigaron a baixar prestacións, non ten prezo. Pero «o que máis me gusta», confesa Nuria, «é coñecer os nenos e nenas do club e que te coñezan. Coñezo a nenos de 18 anos que vin medrar desde que eran uns macaquiños. O outro día escoitei a una nena pola rúa ‘Mamá, mamá, mira, la de las tallas’». Iso non hai cartos que o paguen.