Éunha das expresións máis repetidas durante a recreación histórica da Romaría Viquinga de Catoira, que se celebra desde hai 64 anos, impulsada polo Ateneo Vikingo e os cabaleiros endovélicos. Ninguén dubida de que esta festa se converteu nun espectáculo de masas, onde poucos reparan na existencia de petróglifos ou alquerques medievais a carón das Torres de Oeste. Esa ignorancia tradúcese, ano tras ano, en agresións ao patrimonio cultural, con xente que mesmo sobe aos muros das torres. Nin o concello nin outras administracións toman cartas no asunto. Este ano foron os propios veciños quen sinalizaron estes bens para evitar danos maiores.
Quizais os termos patrimonio, masificación e espectáculo sexan incompatibles. Imaxinemos unha romaría multitudinaria arredor da Pedra do Mouro (coñecido popularmente como Dolmen de Axeitos), ou un desembarco e batalla medieval sobre as pedras do Castelo da Lúa de Rianxo ou unha invasión á Arca da Barbanza. Mesmo en Porto do Son, o cruceiro serve de fondo a escenarios musicais que, calquera día, o farán caer.
Temos moito patrimonio, pero cada pedra é única e merece ser preservada, como fixeron os nosos devanceiros para que nós as poidamos desfrutar. Non podemos deixarnos levar por ocorrencias banais deseñadas para as masas que poñen en perigo o noso legado. Propoño que non se autoricen espectáculos que comprometan bens patrimoniais. As administracións públicas deben ser máis conscientes e non deben permitir as barbaries disfrazadas de festa. Coma sempre, aprendamos dos portugueses, que organizan recreacións deixando á marxe as pedras.