Carlos Callón, Xulio Mato e Estefanía Colmeiro presentarán os seus traballos e «O Furancho» chega ao escenario o domingo
24 abr 2025 . Actualizado a las 15:19 h.Catoira chega á fin de semana con tres citas no seu programa «Primavera Cultura Catoira». Este venres estará na biblioteca municipal (20 horas) o escritor Carlos Callón para presentar as súas últimas publicacións: Vidas e historias LGTB na Idade Media e Maxicamente vella, eternamente nova, que veñen de ser reeditadas tras esgotar todos os exemplares. Callón tamén falará dunha obra chave para o galego: O libro negro da lingua galega, que recolle e explica testemuños da represión lingüística en Galicia ao longo dos séculos.
O domingo ás 12.30 horas, á hora do vermú, estarán na biblioteca os cociñeiros da TVG Xulio Mato e Estefanía Colmeiro para presentar o seu libro de receitas A voltas co prato, o que ofrecerá unha oportunidade para que as e os amantes da cociña galega poidan coñecer de primeira man os seus segredos culinarios e levar un exemplar do receitario asinado polos autores.
Xa pola tarde, ás 19 horas, chega ao auditorio de Catoira unha das comedias máis recoñecidas da compañía Ibuprofeno Teatro. Trátase O Furancho, unha comedia que tivo unha gran acollida na escena galega, con Isabel Risco e Marián Bañobre. A obra é unha metáfora gastronómica na que se abordan temáticas que afectan á sociedade actual como a pobreza cultural ou como define a personalidade de cadaquén as eleccións que fai na súa vida. «Trátase dunha peza cargada de agroglamour’que fusiona o trendie coa máis pura tradición, como os zocos e o pololo. Cada un dos detalles é parte dun todo harmónico configurado a partir de estilismos minimalistas que sintetizan o pasado co presente, o rural co cosmopolita, o loureiro coas novas tecnoloxías», segundo explican desde a compañía.
A entrada a estas tres convocatorias é gratuíta e servirán para «compartir, rir e reflexionar arredor da nosa lingua e cultura», segundo indica o concelleiro de Cultura, Raúl Gómez.