Catoira arrinca no campo das Lombas as actividades arredor do Día da Muller

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MONICA IRAGO

A primeira actividade, ás seis da tarde, é un encontro veciñal para falar do papel da muller no fútbol local

05 mar 2025 . Actualizado a las 16:02 h.

O Concello de Catoira vén de facer público o programa de actos artellado arredor da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. En colaboración con distintas entidades desenvolveranse numerosas accións «co obxectivo de visibilizar o papel da muller na sociedade e reivindicar a igualdade».

As actividades comezan hoxe mesmo, ás seis da tarde, cunha xuntanza veciñal no campo das Lombas. Neste encontro, organizado polo Concello coa colaboración de 7H Cooperativa e o Catoira S.D, «falarase sobre a historia das mulleres no fútbol no noso municipio». Ademais, realizarase un mural conmemorativo dentro dunha iniciativa que conta co apoio da Deputación.

Mañá xoves, ás doce, o colexio de Catoira recibirá a visita dun conta contos infantil, A leona Mariona, unha actividade dirixida ao alumnado para promover a igualdade e que está financiada polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O venres, ás oito da tarde, volve a cultura con mensaxe. No auditorio, e da man do colectivo Feministas de Catoira, desenvolverase a partir das oito da tarde o monólogo 2 pasos 25 pesetas, de Lorena Pinheiro.

Xa o sábado, as oito da tarde, terá lugar unha concentración e a lectura dun manifesto. Será no baixo do edificio multiusos da localidade.

Pero co 8M non rematan as actividades. Durante todo o mes, di o Concello, «desenvolveranse outras iniciativas relacionadas coas mulleres e o deporte». Ademais, dentro dos programas de envellecemento activo nas parroquias e no Centro Municipal de Maiores (Cemuma), traballarase en torno ao coñecemento de mulleres que marcaron a historia.

Con esta programación, di o Goberno local, quérese «reafirmar» o compromiso do Concello coa igualdade entre homes e mulleres, promovendo espazos de reflexión, reivindicación e visibilización das mulleres na sociedade.