Catoira gaña no xulgado a batalla contra a pirotecnia de Coaxe

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

cedida

Unha sentenza avala as teses do goberno local e obriga a demoler a nave de Pirogal. «É unha vitoria para a veciñanza e os dirixentes do BNG», indica o alcalde

03 may 2024 . Actualizado a las 15:09 h.

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra vén de ditar unha sentenza que obriga a eliminar a pirotecnia Pirogal dos terreos de Coaxe (Catoira). A maxistrada acepta a reclamación interposta pola Plataforma de persoas afectadas e avala a tese do actual goberno de Catoira: declara a ineficacia da comunicación previa das obras do galpón da firma pirotécnica e obriga ao Concello a iniciar a reposición da legalidade urbanística, isto é, a demolición da construción «de maneira inmediata».

Esta decisión xudicial ratifica a resolución aprobada pola Xunta de Goberno Local do pasado 15 de abril o cal o rexedor, Xan Castaño, interpreta como «un duro golpe tanto para a anterior corporación» e como «unha vitoria para a veciñanza e as e os dirixentes do BNG que dende o inicio defendían que a construción non se fixera atendendo á legalidade».

«Realmente, o Concello perde con esta sentenza, porque foi un dos demandados polas veciños e veciños naquel entón. Incluso como institución teremos que pagar 700 euros de costas, pero nunca ter que pagar uns cartos resultou tan satisfactorio, porque dásenos a razón e ratifícase o que xa concluímos pola vía administrativa: as obras non se fixeron correctamente e hai que tirar abaixo o galpón», subliña o alcalde nacionalista.

A propia sentenza recolle que o Concello cambiou a súa postura con respecto ao galpón de Pirogal e, se ben antes dera o seu visto bo de maneira tácita e consideraba pechada a autorización, no último ano requiriu novos informes técnicos e demostrou que as obras realizadas non eran compatibles coas normas subsidiarias de usos en solo rústico. Tamén se constata que «había falsidades esenciais», xa que non tiñan finalidade agrícola e ademais non se correspondían co presentado na memoria.

Non prevén recurso

A resolución recolle, entre outras cuestións, que «das probas practicadas e da documentación obrante resulta acreditado que Pirogal non cumpriu os requirimentos para construír en solo rústico». E non só iso, «non hai garantía de cumprimento posible a futuro, xa que resulta imposible garantir cuestións como un acceso rodado á rede pública de estradas, cando a única vía para chegar á construción é unha pista forestal, e no planeamento non hai previsión de abrir ningunha outra vía pública».

De todo elo dou conta este venres o alcalde nunha rolda de prensa na que expresou a satisfacción do seu goberno por esta sentenza. «Ante tal rotundidade non cabe agardar recurso do Pirogal ante o TSXG e, no caso de presentarse terá pouco percorrido». Así mesmo, Castaño confirmou que a comunicación oficial do Concello á empresa de que ten que anular calquera actividade e devolver o terreo ao estado inmediatamente anterior xa foi realizada hai semanas. Tamén se remitiu a mesma comunicación á Subdelegación de Goberno en Pontevedra co fin de que non proceda a ningún tipo de autorización para actividade pirotécnica, xa que a construción para a que se pide a actividade non ten título habilitante.

Na sentenza, ao igual que no expediente aberto polo Concello de Catoira, vólvese a apuntar que a pirotecnia non garante o subministro de auga, nin a evacuación de augas residuais nin tratamento, nin se acredita sistema de subministro eléctrico nin de recollida, tratamento, eliminación e depuración de residuos. Ademais, no falla sinálase que a construción de Coaxe «está moi lonxe» de parecerse a un galpón agrícola co seu peche e carteis de risco de explosión, cámaras, pararraios de dez metros de altura e cables de ventos que non se integran coa paisaxe da zona.