Catoira acometará un plan de asfaltados que comezará por sete pistas

La Voz CATOIRA

CATOIRA

O alcalde Xan Castaño e a concelleira de Obras, Vanesa Pérez
O alcalde Xan Castaño e a concelleira de Obras, Vanesa Pérez

As obras teñen un orzamento de 61.000 euros que se financian con fondos da Deputación

06 abr 2024 . Actualizado a las 17:43 h.

O Concello de Catoira vai poñer en marcha un plan de asfaltados e melloras de camiños para rehabilitar o firme nas pistas municipais que actualmente están en moi mal estado. A actuación comezará por sete estradas nas parroquias de Catoira, Oeste e Dimo nas que se renovará a plataforma de rodadura, melloraranse as drenaxes e, nalgúns casos, ampliaranse as seccións e instalaranse redutores de velocidade para aumentar a seguranza viaria, segundo informa o goberno local.

O proxecto para realizar estas obras está xa redactado e ten un orzamento de preto de 61.000 euros que se financiarán con fondos do Plan + Provincia da Deputación. Explica o alcalde Xoán Castaño que a actuación era moi necesaria debido ás importantes deficiencias e mal estado xeneralizado das pistas, con pozas e fochancas producidas tanto polo uso ao que están sometidas como polos danos dos temporais. Estas melloras serán «o inicio dun programa máis amplo e ambicioso» que, segundo avanza o rexedor nacionalista, continuará durante todo o mandato ata acadar unha rede viaria local saneada.

O primeiro camiño no que se vai actuar é o existente entre o campo de fútbol As Lombas e a estrada interprovincial, unha pista moi transitada sobre todo nos días de partido. Rehabilitarase unha lonxitude total de 425 metros, aumentando o ancho actual —dado que carece de beirarrúas e ten tamén un alto tránsito peonil—, e estendendo novo pavimento.

As seguintes actuacións serán nun camiño en Dimo (estrada da igrexa de Dimo), onde se actuará nunha lonxitude total de 49 metros, nun camiño en Gondar (104 metros), no camiño Lombas-avenida (40 metros) e no camiño dos Muíños de Vento (49 metros), que presentan fochancas e mal estado de conservación. Todos eles melloraranse cunha rehabilitación integral do firme.

Por outra banda, no tramo avenida da Ponte-Protección Civil farase unha actuación nun total de 66 metros de lonxitude, así como na chaira ao comezo da vía, rehabilitando un total de 495 metros cadrados de superficie, xa que tamén se aumentará o ancho da estrada. Fresarase a actual capa de rodadura para instalar unha nova de bituminosa de cinco centímetros de espesor.

Finalmente no camiño Corredoira (Catro Camiños) proxéctase a mellora da vía nunha lonxitude total de 176 metros, así como tamén a chaira de inicio, actuando nun total de 691 metros cadrados de superficie. Ademais da actuación na capa de rodadura, construiranse dous redutores de velocidade na contorna co fin de aumentar a seguranza viaria.

De maneira xeral, co fin de mellorar da drenaxe das augas da escorrenta provenientes da calzada e evitar o seu deterioro con pozas de auga limparanse todas as cunetas con motoniveladora. Nas pavimentacións será necesario realizar un varrido por medios mecánicos da totalidade das superficies que están en mal estado, así como o estendido dunha capa de formigón bituminoso previa aplicación dunha rega de adherencia, segundo informa o Concello.