Mónica Touriño pecha a temporada coa súa primeira medalla mundial

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

CEDIDA

A catoirense e Nepal cólganse o bronce na cita de veteranos da ICF

07 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha semana, Mónica Touriño iniciaba a súa primeira cita internacional en dous anos e medio. O devalo da pandemia devolveu esta temporada a normalidade ao mundo do mushing, e a de Catoira non quixo desaproveitar a oportunidade de volver sentir a sensación de medirse coas mellores especialistas do planeta. Desta volta, cousas do calendario, obrigada polas normas da ICF, unha das dúas grandes federacións do deporte que une a humanos e cans nun mesmo equipo, competindo na categoría de veteranos de canicrós. O resultado, un bronce no circuíto da localidade francesa de Plédran xunto o seu compañeiro Nepal. O primeiro podio mundialista da canicrosser feminina máis laureada en España, o seu segundo metal internacional, tras un bronce Europeo, tamén baixo o paraugas da ICF.

Afeita a competir coas ideas moi claras, desta volta Touriño encaraba o Mundial con certas dúbidas. En boa medida, arredor do rendemento da súa parella de baile, un alascano cun alto xen competitivo pero cunha idade importante xa á hora de correr na elite, máxime tras a interrupción motivada pola pandemia, cun calendario de mínimos na temporada 2020/21. Dúbidas que varias das alternativas manexadas para a lonxitude do circuíto pola organización do Mundial non fixeron máis ca alimentar. Cunha variante de 8 quilómetros, desbotada por outra de 5,7 que, finalmente, tivo que ser rebaixada a 3,7 pola excesiva calor para os cans, que competiron cunha temperatura duns 15 graos.

«Nepal xa non está para tantos quilómetros», confesa a vikinga, que se atopou ademais co agravante de que, lonxe de chover, como estaba previsto e para o que ían equipados, fixo calor. Un escenario que tentou compensar humedecendo o xusto a Nepal nas longas esperas a pleno sol para tomar as dúas saídas, unha o sábado e outra o domingo.

«Eu ía cagadiña. Nepal ten anos, é negro... Un montón de historias. Pero aguantou moi ben», di a deportista. Ata o punto de que foron outros factores os que a afastaron da gloria.

As malas artes dunha rival

As arredor de 30 competidoras da categoría de Touriño tomaron o sábado a saída dunha nunha, divididas en dous grupos. Por un lado, as teóricas máis rápidas, polo outro, o resto, en función dun cuestionario previo que cubriran sinalando se eran as máis veloces do seu país. Inocente, Mónica, que esta campaña foi segunda tras a catalá Olga Álvarez na Copa e nos Campionatos de España de Terra e de Neve de canicrós —gañou a Liga e o Campionato de Galicia—, sinalou que non era a primeira española, sendo que Álvarez competía en Plédran noutra categoría, a de 50-59 anos. «Puxéronme coas lentas. Nun circuíto estreito. Tiven que ir adiantando a todas, pedindo paso», que non todas as rivais lle facilitaban. Con todo, ao final da primeira xornada viuse segunda na xeral, a 30 segundos da checa Zuzana Kynclová.

O domingo as saídas distribuíronse pola clasificación provisional, pero coas competidoras agrupadas de cinco en cinco. Touriño púxose por diante, inda non tardando en atoparse con que o can da francesa Sylvie Boniface, terceira na xeral, non paraba de metérselle entre e os pés. Pero o peor viu a 400 metros da meta: «Tiña detrás a primeira e a terceira, e nunha curva a francesa botoume fóra e caín». Un comportamento que en España resultaría inconcibible, di Mónica, que rematou o Mundial terceira cun tempo de 24.21, polos 24.16 da gala e os 23.42 da checa.

Con todo, o bronce supuxo unha inxección de ánimo para Touriño: «En carreira sentínme xenial, rápida, sentínme forte; con esa pregunta ao acabar de cando é o próximo Mundial» Pois en novembro, o da federación IFSS en Alemaña. E a vikinga xa ten praza coa selección española.