O rexedor máis veterano de Arousa cumprirá a idade de xubilación na alcaldía... se gaña
08 may 2015 . Actualizado a las 13:11 h.Alberto García sabe ben de que vai isto da política municipal. Concelleiro dende 1979, rexedor dende 1989, fundador de UXT, ninguén en toda a bisbarra pode facerlle sombra á súa longa estadía na alcaldía de Catoira.
-Dende Xelmírez, ninguén en Catoira mandou tanto.
-Non, ho, non me podo comparar cun dos personaxes máis importantes da historia de Galicia, mesmo de España. Nós queremos apoiar a súa figura, un pouco esquecida. O seu pai era de aquí e reivindicamos que el naceu aquí.
-Neste mandato que vén cóllelle a idade da xubilación.
-Podíame xubilar xa, que teño máis de 45 anos cotizados porque comecei traballar con 16.
-A un veciño ilustre seu, un pouco máis abaixo, xa lle pasou.
-Mellor non me faledes del. Eu aínda non penso que teña a idade que teño, ¡61 anos!
-¿E isto de ter un Concello con dous alcaldes lévase ben?
-¿Vai por Gago?
-Vai.
-Pódovos dicir que sempre tiven secretarios moi bos. Gago entrou en política logo de ser secretario en Catoira. E como secretario, daquela, era moi eficiente.
-¿E logo de pasar pola política? ¿Segue a ser moi eficiente ou acabou maleado?
-Non lle quero dar xabón, pero creo que incluso aumentou a eficacia. Coñece a Administración e para un alcalde é un alivio, dáche un respaldo moi enorme.
-¿Vaille a vostede a poesía?
-¿E logo?
-É que hai quen di que no seu partido é vostede un verso libre.
-A min o que me vai é o que estou facendo. Son un home de partido, porque son socialista, pero non de aparato. Non son dos que quere escalar e nunca permitín que en Catoira o partido interviñese na xestión política do Concello. Creo que un alcalde se debe dedicar aos seus veciños e non debe perder o tempo noutras cuestións. Se quere facelo, debe deixar de ser alcalde.
-Ben, Catoira semella, coa Illa, un pouco coma a aldea de Astérix para o PSOE en Arousa.
-Moitos alcaldes pagaron a política que estaba facendo o partido. Moraña, Cuntis, Rianxo... Non fixeron mala xestión pero foron castigados pola política do partido en Galicia e en España.
-Pois aí está Lores, o alcalde de Pontevedra, facendo un cómic tipo Astérix. ¿Non se animan en Catoira cunha de vikingos?
-Lores tamén leva moitos anos. A min, cando me lembran que levo 26 dígolles que outros levan presentándose o mesmo tempo e non os escolle a xente. Nós xa fixemos un cómic, pero non se me ocorre aparecer a min.
-Tampouco non leva un casco con cornos na Cea Vikinga.
-Teño un casco que non é de metal, senón de coiro, que me regalaron os daneses. Na cea son un máis. Agora estreamos o drakkar para facer viaxes, algo no que levamos traballando dous anos.
-Terá vostede o carné de patrón para levar o temón, ¿non?
-Se vos digo a verdade, sei nadar en terra pero na auga non. Cando a miña nai me levaba á praia de Catoira, nunca me bañaba.
-¿Caberá o drakkar pola nova ponte do tren?
-Cabe, ho. Esta ponte aínda é pasable. A outra é un mamotetro que... En fin, o sistema era tirala e facer outra. Pero o conto é que ten moito uso, sobre todo agora coa autovía e a autoestrada.
-¿E despois de tanto tempo conserva vostede os amigos?
-Son o mesmo Alberto que hai 26 anos. Gústame estar cos amigos, convivir, tomar un viño... Querería lembrar, por certo, a Ramón Castaño Ferreirós, bo amigo e compañeiro que finou.
alberto garcía garcía alcalde de catoira e candidato á reelección polo psdeg-psoe
Un reloxo de substitución
«Teño hai moitos anos un reloxo de ouro, fora unha oferta do Banco Simeón, a primeira foto que me quitei para unha campaña foi con el. Pero téñoo en Jiménez a amañar. Así que hoxe levo un Jesús del Pozo que me regalou a miña muller».
Zapatos para patear
«Os zapatos son 24 horas, moi aquelados para esta profesión. Hai moito que patear. Son flexibles. É importante que as cousas non sexan ríxidas».