Cambados reforza o seu apoio aos clubs deportivos femininos

S.D. CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

A concelleira de Igualdade xunto ás xogadoras do XAV
A concelleira de Igualdade xunto ás xogadoras do XAV

Concedeu 7.500 euros en axudas

17 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Cambados reforza o seu apoio aos clubs deportivos femininos da localidade mediante a concesión de subvencións coas que axudar a financiar a súa labor. As partidas foron concedidas de maneira directa, axilizando o trámite o máximo posible.

Segundo informaron dende a concellería de Igualdade, dirixida pola nacionalista María do Mar Pérez, o xoves firmouse un convenio de colaboración cos tres clubs que contan con categoría sénior feminina entre as súas filas: o Club Voleibol Xav, o Xuven de baloncesto e o Club Juventud Cambados. En total, foron 7.500 euros en axudas, repartidas en partidas de 2.500 euros aos equipos.

«Esta concellería traballa en prol da visibilización da muller en todos os eidos da vida e de garantir o seu benestar físico e a súa saúde mental», explicaba a edil responsable.

A concelleira continuaba dicindo que «é por isto que, dende a concellería de Igualdade, tentamos apoiar ás mulleres no mundo do deporte, onde desenvolven un papel moi importante desafiando os estereotipos de xénero, converténdose en inspiración coma modelos a seguir, desenvolvendo habilidades de liderazgo, e mostrando aos homes e mulleres como iguais tamén nestes espazos», pechou.