A San Silvestre Solidaria de Cambados contará con 730 participantes

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A cita celebrará mañá a súa décima edición premiando de novo o bo humor

30 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambados volverá despedir o ano mesturando deporte, humanismo e bo humor. A décima edición da San Silvestre Solidaria da vila do albariño contará na tarde de mañá con 730 corredores. Deles, medio milleiro menos dous (498), inscritos na proba raíña, a aberta a todo corredor a partir dos 14 anos de idade, con catro quilómetros de percorrido con saída e chegada na praza de Fefiñáns chegando a metade de camiño ata o barrio de San Tomé.

A 4k dará o disparo de saída ás 17 horas. Será despois de ver correr os rapaces apuntado nas categorías chupetes (3 a 7 anos, con 100 metros de percorrido), da mini (8 a 10 anos, 400 metros) e da promesas (11 a 13 anos, 800 metros pola rúa Príncipe e as avenidas de Vilariño e de Madrid).

Sobre o papel, o corredor local Amadeo Abal parte como gran favorito a facerse co triunfo na proba absoluta. Con todo, a San Silvestre Solidaria volverá brillar por ir moito máis aló ca unha simple proba deportiva.

En primeiro lugar, pola finalidade principal pola que foi ideada no seu día pola directiva da entidade organizadora, o Club Atletismo Cambados. Así, cada participante debe entregar, como mínimo, ben un quilogramo de alimentos non perecedeiros ou de produtos de hixiene, ben un xoguete. Unha prenda que pasará a mans do departamento de Servizos Sociais do Concello de Cambados para o seu posterior reparto entre as familias máis necesitadas da localidade.

A outra faceta que desde o comezo da carreira levan promovendo desde o C.A. Cambados é a do humor. A fin de promover a participación de todo tipo de cidadáns, mesmo daqueles que non soen practicar deporte, e de facer o percorrido non só a título individual, senón tamén en grupos de familiares e de amigos, os principais premios volverán ser para aqueles corredores que participen disfrazados. Todos eles, en forma de vales de compra no comercio local.

Para quenes se disfracen a título persoal, haberá 100 euros en compras para o atleta co disfrace máis orixinal ou divertido, 75 para o segundo e 50 para o terceiro entre todos os competidores das categorías infantís —chupete, mini e promesas—. Os premios elevaránse aos 150, 125 e 100 euros no caso da categoría absoluta. Ademais, haberá un único premio dun vale por valor de 300 euros para o grupo de corredores disfrazados que máis sobresaia polas rúas de Cambados na derradeira tarde deste 2025 en despedida. As bases de competición obrigan a que o grupo estea integrado por a lo menos catro participantes.

Para os tres primeiros atletas masculinos e as tres primeiras femininas en atravesar a meta da 4k, a organización entregarálles un trofeo e unha cesta de Nadal aos dous gañadores, e cadanseu lotes con produtos típicos destas datas aos seus compañeiros e compañeiras de podio. 

Sorteo final

No seu afán por afondar na condición popular da cita, o Club Atletismo Cambados sorteará varios agasallos doados polo comercio local entre os 730 inscritos na décima edición da San Silvestre Solidaria da vila do albariño. Desde material deportivo e libros, a xoguetes, unha cesta de marisco ou un estoxo de viño. Un auténtico luxo por canto a inscrición para os corredores a partir dos 14 anos tiña un custo de tan só 3 euros, sendo gratuíta para os menores desa idade.