A volta ao cole cun sorteo de ata 600 euros en vales para as familias cambadesas
CAMBADOS
O prazo de participación é do 1 ao 20 de setembro e para iso será necesaria unha compra de máis de cinco euros nas tendas de Cambados Zona Centro
29 ago 2025 . Actualizado a las 22:12 h.Pouco a pouco vaise acercando a hora de que as familias fagan as compras de volta ao cole, un gasto que as librarías da zona estimaban entre os 150 e os 300 euros en tan só unhas semanas.
É por iso que a asociación Cambados Zona Centro, en colaboración co Concello de Cambados e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia decidiu elaborar unha promoción. «Queremos axudar nesta costa de setembro que se aproxima cada vez máis e supón un gasto importante para as familias», explicaba Tino Cordal, concelleiro de Promoción Económica e Comercio.
Dende o 1 ata o 20 de setembro sortearanse 6 vales compra de 100 euros cada un entre todas as persoas, maiores de idade, que realicen compras ou contraten servizos superiores a 5 euros en calquera das empresas asociadas durante o período establecido pola propia promoción.
Como participar
Para poder optar a ser un dos gañadores dos vales compre rexistrarse na campaña a través do enlace configurado na páxina web www.cambadoszonacentro.com e que estará aberto ata as 24.00 horas do sábado 20 de setembro. Na mesma páxina web pódense consultar as bases do sorteo.
Para formar parte desta campaña de volta ao cole é necesario facilitar algúns datos persoais como o nome do comprador, os apelidos, o teléfono ou o correo electrónico. Pero tamén outra información como o nome do establecemento onde se realizou a compra, o importe e data desta mesma. É moi importante que os usuarios non tiren co recibo xa que será obrigatorio presentalo no caso de resultar gañador. A maiores só será valido un rexistro por compra.
Nas bases do sorteo especifícase que os titulares dos propios establecementos da asociación Cambados Zona Centro, a súa unidade familiar e os seus traballadores non poderán participar no sorteo con recibos de compra da súa propia empresa, pero si poderán facelo cos de outras.
O sorteo terá lugar o luns 22 de setembro do 2025 na sede da asociación Cambados Zona Centro e aos gañadores comunicaráselles o día e hora no que se realizará o acto de entrega dos premios, evento ao que terán que acudir obrigatoriamente. Se non entenderase que estas persoas renuncian ao premio. Os seis vales de compra cun valor de 100 euros cada un poderán ser trocados ata o 31 de outubro do 2025 e nunca serán intercambiados polo seu valor en metálico nin se devolverá cambio xa que teñen que ser gastados integramente nos establecementos da asociación.
A maiores os gañadores terán que autorizar a Cambados Zona Centro a reproducir, utilizar e difundir a través de calquera medio o seu nome, apelidos, localidade de procedencia e imaxe en calquera actividade publicitaria ou promocional que estea relacionada co sorteo, o evento de entrega dos vales ou compras varias.