Un 1 de maio para camiñar, subirse á bicicleta ou xantar entre amigos con citas en Cambados, Vilanova e Meaño
CAMBADOS
A chuvia podería botar por terra os plans de festa para este xoves
30 abr 2025 . Actualizado a las 15:56 h.Esta tarde chove no Salnés, pero as predicións meteorolóxicas para mañá xoves dan pé ao optimismo porque o símbolo da choiva non aparece no mapa. Con todo, haberá que ver se poden celebrarse todas as actividades programadas para este primeiro de maio na comarca.
Se as cousas non se torcen, ás nove e media da mañá xa estará a xente preparada nos muíños de Currás para participar na andaina da Ruta dos Muíños que organiza o Concello de Vilanova por estas datas facéndoa coincidir coa Festa da Muller Labrega que se celebra en András. Os camiñantes que opten por quedar alí non terán problema para comer porque, un ano máis, servirase polbo churrasco, viño e demais viandas para todos aqueles que queiran desfrutar da compañía. A música correrá a conta de Los Dinámicos e entregarase un agasallo á muller máis lonxeva da parroquia.
Pola tarde toca poñerse cómodos en Cambados a conta da andaina solidaria que organiza a asociación de mulleres rurais As Saíñas de Castrelo, a novena, nesta ocasión en favor da asociación Amicos. Partirá ás 17 horas do campo de fútbol do Beiramar cun itinerario por diante de 9 quilómetros polo sendeiro do complexo intermareal do Umia. Haberá sorteos e a actuación da escola de baile da ANPA O Castro.
Se o tempo o permite, ese xoves será bo día para camiñar e, tamén, para andar en bicicleta. Ás 11 horas está fixada a saída da terceira Festa da Bicicleta desde os Pasales (Meaño) que organiza a asociación de veciños Santa Lucía. Sortearanse unha bicicleta eléctrica e outros regalos entre os participantes e haberá premios para os de maior e menor idade e a familia máis numerosa.
A esta seguirán outras festas da bicicleta como a que están a organizar no Concello de Cambados para o vindeiro domingo 18 de maio.