Os alcaldes socialistas volven facer piña contra a xestión na mancomunidade e apelan ao consenso

La Voz VILAGARCÍA

CAMBADOS

Martina Miser

«Nun momento crítico para a nosa comarca, a inacción e a falta de propostas claras por parte do presidente resultan inadmisibles», indican 

23 may 2024 . Actualizado a las 10:42 h.

Os alcaldes socialistas do Salnés (Vilagarcía, Cambados, Meis, A Illa e O Grove) volven facer piña á hora de actuar na Mancomunidade do Salnés. Agora, para manifestar «a súa profunda decepción e preocupación ante a falta de resultados concretos» tras a reunión mantida polo presidente da mancomunidade, David Castro, e a conselleira de Medio Ambiente. Neste encontro falouse da necesidade de ampliar a estación de tratamento de auga potable (ETAP) da mancomunidade e de substituír as tubaxes do abastecemento ao O Grove, pero a consellería no adoptou ningún compromiso en firme para financiar ámbalas dúas obras, o cal desatou a reacción dos socialistas. «Nun momento crítico para a nosa comarca, a inacción e a falta de propostas claras por parte do presidente resultan inadmisibles e veñen a referendar as manifestacións da anterior presidenta sobre o secuestro ao que o PP ten sometido á mancomunidade», indican os rexedores a través dun comunicado.

«Os alcaldes socialistas esiximos unha maior responsabilidade e dilixencia na xestión da mancomunidade. Non podemos permitir que as oportunidades de desenvolvemento e mellora das nosas infraestruturas se perdan debido á falta de liderado e visión. É imprescindible que se establezan prioridades claras e se reconstitúan as relacións entre os dirixentes municipais para asegurar o benestar de todos os veciños do Salnés, remarcando que este sempre foi un ente onde imperou o consenso e a cooperación sen importancia da cor política, a cal o PP está abocando a desaparecer».

Refírense os socialistas á quebra provocada pola moción de censura que o pasado xaneiro levou a David Castro (PP) á presidencia da mancomunidade grazas a un pacto cos independentes de Meaño co compromiso de darlle unha liberación a Jose Aspérez.

«Non parece admisible que se retome a posibilidade de outorgar unha liberación a un vogal en pago do seu voto, coa maioría dos concellos en contra. E igual de inadmisible resulta pretender nomear, en contra do establecido nos estatutos, a unha vicepresidenta subvertendo a maioría de alcaldes na comisión executiva, motivo polo que anunciamos que tomaremos todas as medidas ao noso alcance, xudiciais ou de calquera índole, para evitar estes atropelos democráticos».