Cambados organiza tres encontros para aprender a controlar a ansiedade

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

Desenvolveranse este xoves e os días 9 e 23 de novembro

18 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ansiedade. Entre o éxito e o fracaso». Este é o lema dos encontros que van ter lugar mañá xoves, e os días 9 e 23 de novembro, en Exposalnés. Nos mesmos, a dinamizadora do CIM desta localidade ofrecerá ás persoas que ata alí acudan ferramentas e estratexias para intentar controlar a ansiedade, un mal que demasiadas veces pasa desapercibido e acaba complicándose.

Estes encontros foron presentados onte nun acto no que participou a concelleira Mar Pérez, do BNG. A concelleira sinalou a importancia da atención á saúde mental, unha atención que «non pode ser un privilexio» ao alcance unicamente de quen o pode pagar. Pérez reivindicou máis medios para os servizos públicos de saúde mental, hoxe máis necesarios que nunca dado que «a sociedade demanda e precisa este tipo de atención» nun momento no que o ritmo de vida, o individualismo e as características da nosa sociedade xeran moitos problemas neste ámbito.

Os encontros non pretenden ser unhas charlas unidireccionais: do que se trata é de que as persoas asistentes participen nas mesmas, compartan experiencias e mesmo ferramentas que lles poidan resultar útiles para controlar a ansiedade. O que se pretende é que estes encontros axuden á poboación, á que se anima a participar calquera dos tres días reservados para tal fin. Para acudir non é preciso reservar praza, basta con presentarse en Exposalnés os días sinalados ás oito da tarde, que é a hora marcada para o inicio das sesións.