Dunha reacción sensible e rápida

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

CAMBADOS

MONICA IRAGO

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Habitualmente os políticos ao recibiren unha crítica pública reaccionan culpando ao sistema, a outras Administracións ou á oposición, nunca ao defectuoso exercicio das competencias de seu. Eses son os que perderon o contacto coa realidade e deberían irse para a súa casa. Outros non están aferrados ao poder, analizan a realidade que se lle pon de manifesto e actúan en conciencia, como servidores públicos. Vén isto ó caso porque hoxe hai exactamente quince días de que este Vento da Travesía se titulou Do infamante trato á Fonte de Fefiñáns. Quince días, mes de agosto. Naquela columna falaba do penoso estado de conservación dese elemento patrimonial etnolóxico, así como da existencia de diversa quincalla, chameille así, chantada a menor distancia da legal.

Nun libro publicado polo propio Concello de Cambados no 2009 e baseándose no traballo do seu Obradoiro de Emprego, destacábase este elemento patrimonial, indicando que desde 1670 figuraba como parte integrante da propiedade do II Vizconde de Fefiñáns, Fernando Sarmiento de Valladares (1659-1675), non sei se na configuración actual. Nesa publicación inventariáronse cincuenta e nove fontes e lavadoiros no municipio cambadés que, parece ser, están a intentar manter en boas condicións a medida que o orzamento llo vai permitindo. A fonte e o lavadoiro de Fefiñáns levan moito tempo fóra da propiedade do Pazo de Fefiñáns, son estremeiros coa zona de protección dese BIC e, aínda que non aparecen catalogados expresamente nas normas, trátase de bens protexidos pola Lei de Patrimonio Cultural.

Así que: día 2 de agosto, publicado o artigo denunciando a situación. Dous días máis tarde, o lavadoiro de Fefiñáns apareceu rodeado de estadas e durante esa semana iniciáronse os traballos de restauración da cuberta: destellouse a estrutura, andan a limpar as tellas e é de esperar que completarán o labor cunha recuperación integral incluíndo o entorno, suprimirán o peche plástico do muro do sur e as pintadas, repararán a fonte e retirarán os colectores de lixo que nunca deberon aparecer alí. A ver. Non podo dicir, xa se verá, que estes traballos urxentes impliquen un proxecto de realce do lavadoiro e da monumental fonte, unha rexeneración axeitada do perímetro, así como a catalogación oficial deste elemento e a súa inclusión no contorno de protección do pazo ao que pertenceu; mais, vista esta rapidísima reacción do Concello -entendo que do concelleiro de Urbanismo, Xurxo Charlín- non queda outra que expresar un explícito agradecemento a uns responsables políticos sensibles, concienciados; sen querer esquecer algo semellante, tamén en relación co patrimonio etnolóxico, que se levou a cabo en Meis hai ben pouco. Porque esa sensibilidade e compromiso non son os habituais pola xeografía galega: hai patrimonio cultural etnolóxico en todos os municipios e, case que sempre, nun estado de desprezo e abandono lamentables que reflicten desidia e pura ignorancia dos responsables. O Vento da Travesía do 2 de agosto iniciábase sinalando que «sería inxusto dicir que o Concello de Cambados non se preocupa do patrimonio cultural porque, aínda que houbo notorias desfeitas, é o municipio do Salnés máis sensible con esa riqueza». Confirmado, preocúpase do patrimonio: aí están a praza de Fefiñáns, o casco histórico, Santa Mariña Dozo, San Sadurniño, o Muíño da Seca co seu museo, o Museo Etnográfico e do Viño, a Casa Museo de Ramón Cabanillas, a Casa Fraga -hoxe biblioteca municipal Luis Rei-, os pazos de Torrado, Ulloa, Moltó, Montesacro, ou Salgado… e a Fonte e Lavadoiro de Fefiñáns. A ver se se contaxia o exemplo.