A creatividade de vinte e catro artistas de Cambados ou en Cambados conflúen no Espazo Torrado
31 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Paisaxes baleiras propias dunha novela futurista, recunchos deshumanizados, lembranzas das praias ateigadas de bañistas, secas de mariscadoras incansables, bodegóns de instantes conxelados polo tempo, imaxes da melancolía, autorretratos da soidade, mitoloxías con ensinanzas esquecidas, pero tamén fiestras de esperanza. Vinte e catro artistas de Cambados ou en Cambados. Vinte e catro persoas que optan pola creatividade como evasión, reflexión ou expresión, expoñen o seu traballo conxuntamente nesta primeira saída a esta nova realidade. Varias xeracións, varias visións da arte, distintas inquedanzas, coñecementos e experiencias reúnense aquí, no Espazo Torrado, para o público cambadés e todo aquel que se atreva, poida ou queira achegarse á vila e subir polo empedrado patín da entrada.
Annika Álvarez, Fernando Arenaz, Eduardo Baamonde, Adrián Baúlde, Manolo Busto, Mon Costa, Tino Chaves, Xurxo Durán, Guillermo Charlín, Jesús Gómez, Juan Fernando de Laiglesia, Brígida Leiro, Miguel Martínez Suárez, Chiño, Emérita Méndez, Martina Miser, Carlos O. Oubiña, Xan Paz, Luís Pazos, Moncho Pazos, Miguel Pérez Ramundo, Mariña Portas, Iria Ribadomar, Lino Silva e Alberto Sineiro.
Non están todos os que son. Faltan algúns, quizais por este precipitado cambio de rumbo. Gustaríame dicir que esta mostra, máis que unha exposición colectiva, é un encontro entre nós despois deste insólito tempo, cando semella que a nova normalidade non é tan distinta da vida antes da pandemia. Ou si.