Os feitos máis sobranceiros da revolta de 1717 en San Vicente ocorreron entre o cinco e o dez de setembro
29 mar 2020 . Actualizado a las 18:58 h.Os feitos máis sobranceiros da revolta de 1717 en San Vicente ocorreron entre o cinco e o dez de setembro: organizáronse partidas para vixiar accesos por mar e terra; fixéronse recuar aos gardas da Lanzada; interceptáronse comunicacións; asaltouse a Casa da Fonte dúas veces; elimináronse probas de débedas; condenouse a desterro e feriuse ao señor e tentáronse acordos con el ata que quedou ceibo e querelouse desde Santiago. Só oito días despois, o terrorífico instrutor Joseph de Erze y Miranda, murciano, saíu de Compostela con gardas, para acalar esta insurrección contra o statu quo e coa pérfida precaución de anotar os traballos que ía encomendando para cobralos en bens dos acusados, fosen ou non culpables. Devastador. O dezanove, en Padrón, escoitou a versión do escribán Joseph de la Yglessya e dos criados de Sánchez Portocarrero. O vinte chegou a Vilagarcía, onde coincidiu cunha visita do Arcebispo a quen lle explicou a onde ía. Esa noite durmiu en Cambados e arribou ao Grove o vinte e un. Asentouse alí e empezou a tomar declaracións, conforme os alguacís ían apresando primeiro mulleres e despois vellos. Elas dixeron que oíran falar dos feitos indo embarcadas para Cambados pero que en San Vicente non se soara cousa algunha, nin chío. A taberneira, que a noite do asalto servira viño na Casa da Fonte, dixo que «no a pasado lo que su ilustrísimo le pregunta ni menos a llevado ningún bino y que su casa de avitación está cerca de la de Don Joseph pero que no save ni percibió nada». O Capitán de Valga aportou como testemuñas aos convidados na súa casa, a un garda das salinas, de Valga, e ao seu representante, de Vilalonga, quen lle atendía intereses nas salinas e na parroquia. Escoitados estes achegados do señor, o vinte e tres o xuíz «mandava y mandó despachos de prisión» contra máis de trinta «vezinos de esta felegresía de San Vicente del Grove con embargo y averiguación de todos sus vienes sin perjuizio de proceder contra los más cómplices», pero so foi quen de encerrar no cárcere do Grove a nove, a maioría anciáns. Os demais acusados botáronse ao monte. E os que declararon entón presentaron coartadas: ou «que el día domingo que le pregunta estubo en la Feria que llaman de la Portela a dónde avía ydo desde el sávado y bolvió el lunes al medio día», ou que «aunque bive cercano a la casa que en esta aldea da Fonte tiene el querellante como a un tiro de mossquette, no a visto, savido ni tenido la menor noticia de lo que contiene dicha querella». Cando a comitiva xudicial aparecía por San Vicente, os homes esfumábanse: «llegando al lugar buscando en él sus vezinos para examinarles, no fue visto ningún hombre y reparando al monte ynmediato entre unos peñascos se bieron dos hombres que hiban huiendo, a los quales mandó siguisen los ministros que le asisten. Que les dieron alcanze a los quales trajeron a su presencia». Un, finxiuse mudo. O dous de outubro o xuíz decidiu volver a Santiago e levar aos presos en lancha ata Padrón, atados polos pulsos con esposas que achegou o Alcalde do Grove e que cobraría cos bens dos encadeados.