Somos Cambados propón cambiar o mercado para a rúa Hospital e o PP, o arranxo do campo de fútbol de Castrelo

B. C. CAMBADOS

CAMBADOS

MARTINA MISER

Os partidos políticos empezan a desvelar os seus programas electorais

30 mar 2019 . Actualizado a las 20:55 h.

A medida que pasan os días, os grupos políticos van desvelando as súas propostas electorais. En Cambados coñecéronse este sábado dúas, que firman Somos e o PP. O grupo que lidera Tino Cordal propón incluír no seu programa electoral o traslado do mercado ambulante para o casco histórico cambadés. Desta maneira o mercado ambulante que se celebra os mércores e sábados realizaríase na rúas Nova e Hospital. A medida tería varias vantaxes, segundo expón a formación que lidera Tino Cordal: un aforro de 60.000 euros ao ano, cantidade que abona actualmente o Concello en concepto de taxas a Portos de Galicia; a dinamización destas rúas do casco histórico desde o punto de vista comercial; poder dispoñer dunha bolsa de estacionamento no paseo marítimo, que agora queda anulado polo mercado; a reducción do atascos na avenida de Galicia, e a mellora das condicións, tanto para os vendedores como para os clientes do mercado, os días de inverno que fai mal tempo.

Somos indica que a proposta conta co apoio dos comerciantes de Zona Centro e anuncia que vai consultar tamén aos ambulantes e aos veciños destas rúas para que se pronuncien. 

O PP en Castrelo

O PP de Luis Aragunde promete que, se recupera a alcaldía, vai arranxar o campo de fútbol de Castrelo, dotándoo de herba artificial, novo graderío e melloras nos vestiarios e o peche exterior. O candidato presentou o seu proxecto ante un grupo de rapaces da parroquia.