Takekazu, tamén coa banda deseñada

Bea Costa
bea costa VILANOVA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A revista Enórmic Band leva sendo durante dúas décadas unha plataforma para a creatividade dos alumnos e, tamén, testemuña da historia dos institutos do Salnés

07 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunca tal se vira na Enórmic Banda. Un xaponés escribindo en galego. Takekazu Asaka asina o limiar do número do 2018, no que conta como foron os seus primeiros achegamentos ao galego e como desde aquela primeira visita a Galicia, en 1989, abriu unha relación con esta terra que segue en pé ata hoxe. Ensina na Universidade de Tokío, pero en canto dispón duns días libres sempre volve a Cambados, onde ten bos amigos. Entre eles está o seu colega na Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei, quen tamén, como Takekazu, tivo ocasión de colaborar na Enórmic Banda.

Son pequenas historias coas que se escribe a traxectoria desta lendaria revista, que editan e distribúen desde hai dúas décadas os equipos de dinamización lingüística dos institutos do Salnés, xunto co de Barro; quince en total.

Naceu co obxectivo de proporcionarlles aos alumnos unha ferramenta que lles sirva para dar renda solta á súa creatividade, tanto na escrita coma no debuxo, ao tempo que se incentiva o uso do galego entre os máis mozos. Ademais, Enórmic Banda deixa testemuña da xenerosidade e o talento dos profesores que fixeron e seguen facendo posible este proxecto, coas súas colaboracións á hora de ilustrar as portadas ou poñer as primeiras verbas de cada exemplar.

Logo de vinte e dous anos, a nómina dos colaboradores é longa: Xulio Gayoso, Domingo Tabuyo, Ramón Caride, Manuel Seixas, Saúl Otero, Manolo Busto, Lois Magariños, Eduardo Baamonde, Fernando Arenaz..., e outros, que non sendo docentes, tamén deixaron a súa pegada, como Augusto Chaves ou o falecido Luís Rei.

Enórmic Banda está a actuar, tamén, como unha vía de ida e volta para eses mozos que xa nas aulas destacaban polas súas dotes artísticas. Pouco podían imaxinar Héctor Portela, Miguel Pérez Ramudo ou Antón Romero que acabarían publicando, xa adultos, nas mesmas páxinas que frecuentaban nas aulas. «É moi satisfactorio ver como alumnos que empezaron a debuxar no instituto, fixeron da creación artística o seu traballo», sinala Isabel González Avión, coordinadora dos equipas de dinamización lingüística da comarca.

Quizais Germán Elías, Mariña, Pablo, Juan Elías e Lucía poidan dicir algún día o mesmo. De momento, onte puxeron voz ás inquedanzas que os moven á hora de enfrontarse á páxina en branco, e fixérono con tanto sentimento que emocionaron a Isabel a outros profesores presentes na pequena biblioteca do Faro das Lúas. Outros, como Aimara, non chegaron a publicar, pero iso non lles quita a ilusión e quixo estar tamén alí, na presentación da revista dos institutos. «Esa é a parte dolorosa, hai que seleccionar, non pode incluírse todo, pero hai cousas moi bonitas e de moita calidade», explica Isabel González.

Os mozos galegofalantes seguen sendo minoría aínda que, quizais, Foguete K47, Bolboretas ou A festa dos cinco minutos -algúns dos títulos das historietas do presente número- contribúan a mudar esta tendencia.

Desde os departamentos de normalización lingüística insisten na importancia de desenvolver este tipo de proxectos, na medida en que serven de escaparate para a imaxinación e talento dos alumnos, para traballar sobre contidos académicos e para a súa formación e socialización.

Os protagonistas

Os nomes propios do último número son o mencionado Takekazu Asaka, Anémona de Río, que deseñou a portada e contraportada, máis dúas ducias de alumnos: Juan Elías Fernández Quintana, Sergio Esperón Doce, María Wells Prol, Mariña García Ponte, Lucía Castro Vilas, Daniel Castro Besada, Sofía Vilanova Paz, Antía Varela García, Andrea Varela Barral, Pablo Framiñán Rodríguez, Carla Carreiro Regueira, Tomás Rivas Fondevila, Lara Piñeiro Acha, María Valcárcel Castromán, Carmen Canabal Cores, Pablo Campos Padín, Nerea Álvarez Fernández, Carlos Sobrino Pedrido, Rubén Fontán Maquieira, David Portas Serto, Juan Miguel Arcos Velázquez, Germán Elías Villarroel, Iria Baúlde Garanger, Cristina Mejide Valls e Mariña Chaves Fraga.

A revista ten unha tirada de mil exemplares, que se distribúen entre os institutos e colexios implicados, e finánciase con fondos dos propios centros.