O Carreirón 10K roza os 300 inscritos este domingo na súa sétima edición

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Deportiva Municipal de A Illa de Arousa organizará este domingo a sétima edición do Carreirón 10K, a carreira que percorre boa parte do perímetro do municipio arousán regalándolle aos deportistas da súa categoría raíña unha experiencia esixente, pero do máis atractiva. Dez mil metros por un trazado que alterna superficies de todo tipo, desde asfalto ou formigón ata madeira e terra, coas paraxes da Illa de Arousa de fondo.

Pechado o prazo de inscrición o pasado domingo, finalmente son 190 os anotados na distancia raíña, que sairán o domingo ás portas da casa consistorial do municipio insular ás dez e media da mañá. Outros case cen nenos e mozos dividiránse nas outras catro distancias, desde os 100 metros para os máis cativos ata os 2.000 que cubrirán os cadetes e xuvenís, cos prebenxamíns e benxamíns atacando o medio quilómetro e os alevíns e infantís os 1.500 metros.

Os tres primeiros clasificados das categorías absoluta e de cada una das tres dos atletas máster recibirán cadanseu trofeo, ao igual co primeiro atleta masculino e feminino da Illa de Arousa.

A disputa da proba atlética obrigará a cortes de tráfico na localidade, convenientemente sinalizados pola Policía Local. Os participantes na carreira de fóra da Illa disporán dunha zona para estacionar os vehículos cos que cheguen á saída.