A «Jalerna» gaña a Volta á Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

OSCAR VIFER

Nunha moi disputada 35ª. edición da regata de dornas a vela, remontou na empopada á «Cariñosa»

11 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tiñan as súas dúbidas, de aí que non o ofrezan como un dato incontestable. Van xa aló 35 edicións, e a reivindicación das embarcacións tradicionais galegas segue a ser, como o primeiro ano, a motivación da regata por enriba da competición e a rivalidade que se fragua na auga. Con todo, é moi probable, cren na organización, que co seu triunfo onte, a Jarlena, con Ricardo Dios ao timón e Carterola de tripulante, se convertera na nave con máis triunfos na Volta á Arousa. A regata de dornas a vela máis antiga de Galicia, que cada mes de agosto anima a decenas de homes das tres Rías Baixas a circunnavegar A Illa. 

Nesta trixésimo quinta edición foron 32 as dornas a vela participantes, máis dous botes de vela cangrexa de sete asociacións diferentes. Os seus ocupantes puideron gozar dunha tarde única para a navegación. Con saída ás 16.03 horas das augas fronte á praia da Canteira, contaron cun vento continuo de entre 8 e 9 nós e mareas mortas. Condicións idóneas ás que se sumou unha temperatura perfecta para a práctica deportiva. E sempre coa tranquilidade da escolta da ducia de embarcacións que formaban o dispositivo marítimo de seguridade.

Foi probablemente esta unha das edicións máis reñidas da Volta á Illa. E tamén das máis emocionantes. Cun cambio no liderado da regata a falta do último cuarto de circunnavegación que remataría resultando definitivo.

Ata ese punto foi a Cariñosa, do Checo e do Chou, a que comandaba o avance da frota de dornas a vela. Pero chegados á Punta Barbafeita, na empopada a Jalerna virou a marcha da clasificación. Superando á Cariñosa, para completar o trazado da Volta á Illa en 3 horas e 34 minutos, atravesando a chegada ás 18.37. Dous minutos máis tarde faríano O Checo e O Chou, coa Nécora de Braulio (patrón) e de José Ricardo pisándolles a popa, só 30 segundos despois. A Forza R patroneada por Parada con Santi de tripulante foi cuarta a dous minutos da Nécora, e un minuto máis tarde completaría a circunnavegación á Illa e o podio da Volta á Arousa a Xarandeira de Santi (patrón) e de Pichón. As cinco embarcacións, da localidade insular, coas catro primeiras da organizadora Asociación Cultural e Deportiva Dorna, e a quinta da Asociación Cultural Fasquía.