«A idea é converter a praza nun espazo de lecer; de estar, non só de pasar»

Serxio González Souto
sERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O arquitecto arousán procura coa súa obra unha analoxía da auga e do río, outro ritmo para un lugar central da cidade

20 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariano Vázquez (A Illa, 1974) estudou arquitectura na escola de Vila Nova de Cerveira, en Portugal. Traballou en Barcelona, con Manel Somoza, antes de fundar o estudo Arqab xunto a Arturo Dapena. Entre os seus deseños, a reforma do mercado do Berbés, en Vigo, e a do castelo de Santa Cruz, na Garda. Vén de gañar un concurso internacional en Tomiño, nunha colaboración con Álvaro Siza. Pero se algunha das súas obras está a xerar expectativas, esta é sen dúbida a intervención sobre a praza de Galicia.

-¿Esperaba que a actuación xerase este nivel de interese?

-Sospeitábamo. É unha desas obras que a todo o mundo lle apetece facer. As expectativas son lóxicas e están ben; o terrible sería todo o contrario, a irrelevancia.

-Explíquenos a idea que se está a plasmar na praza.

-Non se trata xa de peatonalizar, senón de humanizar verdadeiramente. Quero dicir que para peatonalizar un espazo abonda con colocar un sinal que prohiba a circulación. Isto vai máis aló. En Vilagarcía hai espazos para estar, pero se cadra están moi acotados nos parques e nas zonas verdes. Con esta reforma, e coa da praza da Independencia, créanse bolsas de estar, non de pasar.

-Hai quen fala dunha obra rupturista. ¿Concorda con iso?

-Depende do punto de vista. Si que o é dende a perspectiva de que é a primeira vez que se transforma un espazo de circulación en espazo de lecer. Tamén polas formas, polas xeometrías e polos materiais, porque o formigón tíñase empregado en beirarrúas, pero non nun espazo tan central. Foi unha proposta do Concello, pero eu milito nela. É unha obra complexa, que debe ser asimilada e tardará un tempo. A min o que me preocupa é pasar dentro de seis meses e ver un neno cos pes na auga, outro ulindo unha flor. Se o único que queda é un páramo, bonito pero deserto, sería un fracaso. É un proceso en dous sentidos. Ti propós un espazo e a xente adáptao.

-¿Cal é esa proposta?

-Hai dúas ideas de base. Unha é a lectura do funcionamento que a xente fai dese espazo, os fluxos. Tes que tratar de ler como a xente vai circular. A segunda é a idea do río e da desembocadura. Nas primeiras conversas co Concello e con Paola [María, a concelleira de Urbanismo] recuperamos esa idea do río, da antiga rúa do Río que era Rey Daviña. Todo xira en torno á auga. Quixemos recrear diferentes ecosistemas, unha pequena lagoa cun nacemento, un curso medio, unha especie de fervenza, unha xunqueira. Todo son alegorías, obviamente, pero están apoiadas pola vexetación. Papiros, nenúfares, na parte alta hai xestas, vexetación de monte, e na media decidímonos pola lavanda, a salvia, polas plantas aromáticas. Quixemos recrear mesmo o son e o arrecendo, crear un espazo de relax un tanto anárquico no seu uso. Hai unha pedra para que sentes coma queiras, hai recunchos para que os nenos poidan gozar deles...

-E tamén hai arestas.

-Todos os bancos de Vilagarcía teñen como mínimo catro arestas. Outra cousa é que visualmente un par de arestas poidan causar esa sensación. Pero non é contraproducente, faiche estar alerta. Non lle botas a man a unha rosa con espiñas. Ese, en concreto, é un espazo inundable, non está pensado para que a xente estea alí xogando, porque vai estar mollado. É certo que o canto se vai redondear, pero trátase dunha cuestión de acabado.

-¿Non poden ser perigosas?

-Eu creo que o máis perigoso serían os desniveis, non sei, para xente invidente, por exemplo. Pero fíxate que o desnivel máximo son 80 centímetros, cando o regulamentario establece que os desniveis deben protexerse a partir dun metro. En calquera caso estamos mirando de introducir algún elemento, probablemente vexetal, para disuadir. Estamos valorando en que puntos.

-Barandillas non.

-Non. A ver, da ponte de Vista Alegre non cae a xente, aínda que non teña barandillas. Que mesmo poden ser contraproducentes, porque os nenos soben a elas e poden caer. Se vas pasear polo porto, por exemplo, tes que controlar os rapaces, ¿non?

-¿Que me di das laxes de pedra, as da vella ponte de Vista Alegre?

-Dende un punto de vista regulamentario, non son patrimonio. Non están catalogadas. Eu fun mirar a ponte varias veces para procurar elementos análogos. E non atopei ningunha sillería parecida. En calquera caso, o proxecto está aprobado pola comisión provincial de patrimonio, incluída a reutilización das pedras.Tómase esa decisión polo encanto, polo imaxinario popular, pero a metade estaban desfeitas.

«Estamos mirando algún elemento para disuadir nas zonas que teñen un meirande desnivel»

«A auga antes desaugaba cara os comercios; agora vaino facer cara o centro»

Hai quen pensa que a praza quedaría mellor sen ningún elemento intermedio, quen considera que a intervención corta o tránsito entre dúas zonas peonís.

-Estritamente non deixa de ser algo interposto, pero hai que ter en conta que a praza non se toca. Actuouse sobre o que era asfalto. Os pasos teñen un ancho mínimo de sete metros, coa resistencia axeitada para que poidan soportar o paso de camións, porque no só se trata dun tránsito peonil. Tamén é preciso que poidan circular vehículos de emerxencias, os bombeiros, e tamén os de carga e descarga dos comercios. Trátase de ir tranquilo, a outro ritmo. Este non é un eixo peonil de alta velocidade. É un espazo para que pasees, para que te demores alí, se así o desexas, para que lle prestes atención ao contexto. Se non te apetece entrar no comercio e agardas fóra, podes sentar aquí. Un espazo que sirva de soporte para as realidades que suceden nel. Na praza, a xente non só circula.

-Hai outro obxectivo, o de servir de primeiro freo á auga cando chova. ¿Como vai funcionar?

-Isto son 800 metros nun eido moi concreto. A primeira pedra dunha estratexia coa que o Concello quere facilitar a saída da auga do centro dun xeito máis rápido. Antes, a auga desaugaba cara os lados, cara os locais comerciais. Agora faino cara o centro. Isto debería eliminar esa capa superficial de auga que se forma cando chove moito. Obviamente por si mesmo non vai evitar as inundacións. Pero si é unha primeira pedra nese muro para evacuar a auga dun xeito máis rápido e eficaz. Tamén para que a xente cobre conciencia de que o nivel freático está aí. Vilagarcía era un dos pobos da ría con máis contacto co mar. Agora, nin sabemos cando sobe e baixa a marea.