Unha poxa para o esmendrelle na Arousa

A ILLA DE AROUSA

cedida

A historia da arte chega ata nós en clave de comedia con «Coleccionistas», que A Illa estrea cunha face solidaria

27 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

14 de abril • 21 horas • Auditorio municipal de A Illa • 10 euros en billeteira, 8 euros anticipada • A Illa prosegue coa celebración do décimo aniversario do seu emblemático auditorio. Faino, desta volta, apostando por unha comedia de altura. Unha verdadeira artistada, xa que a peza que dirixe Oswaldo Digón afonda, precisamente, na historia da arte e nas teimas dos seus coleccionistas, sempre dispostos a desfondar os seus petos nas poxas máis pechadas. As entradas pódense adquirir fisicamente no bar do propio complexo cultural, O Museo, na administración de lotería San Xulián e en Gradisela Arousa, ademais da vía dixital de ataquilla.com.

O subtítulo da obra, «a arte feita comedia», indica xa por onde van os tiros. Os espectadores de cada función converteranse, por unha noite, en afamados coleccionistas das mellores obras de arte, dispostos a participar nunha monumental poxa. Protagonizan esta aventura artística o propio director, Oswaldo Digón, Marcos Pereiro e Santi Romay. Os tres serán os responsables de conducir tan magno evento, describindo con todo luxo de detalles a historia, o anecdotario e o proceso de creación de cada un dos cadros da poxa, cando non a vida dos artistas que os crearon. Coleccionistas conta, ademais, coa música en directo do mestre Cristian Leggiero, que acompañará o relato de cada obra que escollan os asistentes.

Mercando un dos cadros

Porque o público tomará parte, realmente, na poxa, xa que poderá achegar a súa oferta para levar un dos cadros ao saír do teatro. O importe será destinado integramente a unha entidade social sen ánimo de lucro de cada unha das once localidades que percorrerá a función. Logo da Illa, lugar da estrea, estes Coleccionistas visitarán Negreira, Ribadeo, Cee, A Coruña, Ponteareas, Verín, Melide, Lugo, O Carballiño e Vigo.

Comedia e arte mestúranse, en definitiva, nun espectáculo para o esmendrelle, cheo de sorpresas, no que a importancia do que ocorre susténtase tanto sobre o escenario como nas butacas. A produción corre a cargo de Ainé Producións e toda a información atópase ao dispor dos interesados na páxina web www.coleccionistas.gal.