A Charca onde comer a mellor anguía do Ulla

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VALGA / LA VOZ

AROUSA

<span lang= gl >Mari Paz Rodríguez o seu marido Emilio, coas dúas presentacións de anguía que ofrecen os cinco meses de tempada do peixe no río Ulla.</span>
Mari Paz Rodríguez o seu marido Emilio, coas dúas presentacións de anguía que ofrecen os cinco meses de tempada do peixe no río Ulla. MARTINA MISER

Mari Paz e Emilio Rodríguez maridan vida e cociña, ideando unha salsa propia coa que serven varios peixes máis aló das súas preparacións tradicionais; entre eles, o obxecto da inminente gran festa culinaria de Valga

13 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoitando un nome como o de Restaurante Parrillada A Charca dificilmente haxa alguén que imaxine algo diferente a un churrasco ou un chuletón servido directamente da grella. E si, ambos os dous son pratos destacados na carta do establecemento situado no primeiro metro da recta de Campaña, levantado no termo municipal de Valga nun deses lindes administrativos da Galicia do Século XXI, as rotondas, que igual serven para regular o tráfico como de marcos entre concellos. Moitas veces, coma no caso da propietaria do Restaurante Parrillada A Charca, Mari Paz Rodríguez Grela, unha fronteira imaxinaria, coa súa casa familiar, na que se criou e forxou o seu espírito de traballadora nata, xusto enfronte, en terreo do veciño Pontecesures. Man a man co seu home, o padronés Emilio Rodríguez Cristobo, maridaron unha vida e un negocio xuntos que pode presumir de varias cousas. Entre elas, unha clientela fiel coa que veñen de cumprir os primeiros 30 anos de traxectoria, o pasado 3 de xullo, e unha salsa de elaboración propia coa que ofrecen na súa carta outra forma de degustar bacallau, pescada, rape e, cando é a época, anguía do río Ulla que descorre a escasos metros a piques de atopar a ría de Arousa.

O mes de agosto marca o ecuador da tempada da anguía do Ulla, que se estende desde xuño a outubro. En escasas dúas semanas, os dous comedores da Charca, nome tomado do lugar no que se asenta, verán multiplicarse o número de comensais ávidos do peixe autóctono atraídos pola celebración en Valga da gran festa culinaria que cada derradeira fin de semana de agosto desde hai 36 anos enxalza a anguía á par que a caña do país. «Nove de cada dez clientes que piden anguía pídena fritida con pementos, de primeiro prato», conta Paz Rodríguez. O comensal restante da estatística decántase pola preparación ideada polo matrimonio que rexenta o establecemento do Baixo Ulla, máis contundente e pensada coma prato principal dun menú.

<span lang= gl >Anguía á Charca, un dos pratos elaborados coa salsa creación do matrimonio do restaurante valgués.</span>
Anguía á Charca, un dos pratos elaborados coa salsa creación do matrimonio do restaurante valgués. MARTINA MISER

«A salsa conta cunha base de cebola, de pemento, de guisante e de tomate, e coa anguía guisada e un allo rustrido, colocamos o peixe enriba dunhas patacas panadeiras co seu propio sofrito, presentado todo nunha cazola de barro», conta a durante anos xefa da cociña da Charca e hoxe responsable de sala, con Emilio Rodríguez ocupándose dos fogóns desde que un problema de saúde obrigou a Paz a cambiar o seu rol no negocio familiar.

Máis aló da preparación, a clave da boa acollida da anguía da Charca nace de onde o fai calquera outro prato de éxito: a orixe do produto. «Ademais das carnes, vaca rubia galega, chuletón porco ibérico, pluma, picaña, croca..., traballamos peixe fresco do día», incluído todo o do que lles poden subministrar da ría de Arousa os «tres mariñeiros de Pontecesures que temos de man» e o que lles sorten do río Ulla na tempada dos reis das súas augas, explica o matrimonio: a lamprea, de xaneiro a finais de abril, a de Pontecesures, e de maio, a de Carcacía, e a anguía, de xuño a outubro. «Así como a lamprea foi un desastre nos dous últimos anos, coa anguía non hai problema, temos produto todos os días, inda seguimos téndoa no noso río».

<span lang= gl >A anguía frita con pementos de Padrón é a modalidade máis solicitada pola clientela da Charca á hora de degustar un dos peixes reis do río Ulla.</span>
A anguía frita con pementos de Padrón é a modalidade máis solicitada pola clientela da Charca á hora de degustar un dos peixes reis do río Ulla. MARTINA MISER

O sabor das preparacións da Charca non só conquistou os padais dos veciños de Valga e da contorna. «Vennos xente da Coruña, de Santiago, de Pontevedra, de Vigo...», algúns, caras ben coñecidas da cultura, da medicina ou da política, confesa ao ser preguntada pola posible clientela vip atraída polas súas elaboracións; os seus nomes quedan no anonimato que recoñece un bo local de restauración.

Para quen se anime a catar por primeira vez calquera das dúas presentacións da anguía do Restaurante Parrillada A Charca aproveitando que está de tempada, ou calquera das súas carnes ou peixes, unha recomendación que quizais sobre botando unha simple ollada ás mesas de arredor: comecen a experiencia desgustando unhas croquetas caseiras de marisco. Como tantas veces en tantas outras cociñas, o padal pode acabar sorprendéndose cunha das preparacións aparentemente máis simples da carta.