Manolo Castro: «Non pode ser que un quilo de mexillóns custe menos ca unha bolsa de gusanitos»
AROUSA
Firme defensor da unión do sector bateeiro e membro durante anos da dirección de Opmega, Castro sostén que Galicia debía aproveitar mellor ouro negro das rías
27 jun 2026 . Actualizado a las 04:46 h.Hai cinco anos, Opmega, a meirande das organizacións que reúnen os produtores de mexillón en Galicia, pechaba unha operación que significou o seu xiro cara á comercialización directa. Non a venda á industria nin o abastecemento das grandes cadeas, senón presenza propia nos andeis dos establecementos, a disposición do gran público. A adquisición do 24 % do capital e dunha parte da maquinaria de Mariscos Antón permitiu poñer en marcha Stella Mare, una tenda en liña que ofrece mexillón das bateas dos seus socios e outros artigos de Mariscos Antón, na procura de abrir novos mercados nacionais e europeos, chegar a novos clientes e, en definitiva, acadar o que a propia Opmega considera un obxectivo histórico dos bateeiros galegos. Na opinión de Manolo Castro (A Illa de Arousa, 1955), esta é a liña que o sector debe seguir, non xa para medrar, senón para garantir un mellor e máis próspero futuro. De feito, o que o Pescador —alcume familiar polo que é coñecido— bota en falla para acadalo é algo básico, de puro fundamental en calquera actividade colectiva e ben estruturada: «Este podería ser un ámbito con moitísimos empregados sempre que estivésemos unidos. Pero é o que hai».
A unión da que fala o Pescador remite ao momento no que Opmega foi fundada. Un tempo no que a entidade representaba unhas 1.700 bateas. Entre elas, as da agrupación da Illa á que Castro pertence. Arredor do 70 % das mexilloeiras que entón producían o ouro negro das rías. «Aquilo levou moito tempo, fixeron falla moitas negociacións, pero conseguiuse. Agora seguimos sendo a organización con máis produtores, pero debemos andar polas cincocentas bateas, se é que chegamos. E algo moi importante: somos a primeira Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) do sector». Ata hai apenas unhas semanas tamén a única, posto que Amescruz, a sociedade cooperativa con sé en Boiro, non foi recoñecida como a décima OPP constituída en Galicia ata maio deste mesmo ano.
Manolo respira mar polos catro costados. Xa o facía unha das súas bisavoas, a que inaugurou o sobrenome familiar. «É unha herdanza dela. Seica xa daquela ía á seca, ás nécoras. Metíalles o dedo para que quedasen prendidas e quedoulle a Pescadora. Ao faltar o meu pai, a quen coñecen polo Pescador é a min. E a un dos meus fillos, Fran, tamén lle chaman xa Pescador». A saga continúa, á vista de que tres dos catro fillos do noso home manteñen o seu vencello co mundo do mexillón.
Foi o seu pai, o anterior Pescador, quen levou Manolo por primeira vez traballar ao mar. «Debía de ter eu uns nove anos e o que facía era escollerlle as ameixas ao meu pai. Daquela non había raños. Iamos con rastros, el envorcaba atrás, na gamela, e eu ía seleccionando». Xa con catorce, aquela actividade na que colaboraba de cando en vez converteuse en definitiva. «Foi entón cando a miña familia mercou unha batea. Aínda iamos tamén ao camarón, a nécora. A todo. Pouco despois xa me dediquei ao mexillón en exclusiva. Botei 35 anos».
O Pescador é unha das persoas que poden falar en primeira persoa do complicado proceso de estruturación do sector mexilloeiro. Opmega, na que ocupou postos como tesoureiro, secretario e vicepresidente, desenvolveu un papel fundamental. «Ata que moita xente da que se lle enchía a boca falando de unidade acabaron marcharon, pensando que así lles ía ir mellor. O sector desorganizouse, viñeron os problemas, pero Opmega soubo aguantar, abriu moitos camiños e construíu unha estrutura moi potente. Funcionamos ben todo o ano, temos prezos firmes, faise un traballo moi bo».
Claro que hai un competidor: o mexillón chileno e os seus baixos prezos. Aínda así Manolo confía na fortaleza do produto das rías. «O problema é que o ano pasado, por exemplo, non tiñamos mexillón do noso para a conserva, e por iso tivo que entrar o chileno. Cómese todo, véndese todo. O que hai que facer é meterlle os aranceis que sexan necesarios para que se poña ao prezo do noso. Se non, é imposible. E despois, a competir no que hai que competir, na calidade, se é que poden». Neste campo, o Pescador suxire empregar o sentido común: «A quen lle pode parecer mal que se paguen prezos un pouco máis razoables? O que non pode ser é que un quilogramo de mexillón custe 0,70 céntimos ou un euro, menos ca unha bolsa de gusanitos».
Este ano, polo demais, o veterano bateeiro agarda unha campaña boa. «O mexillón está gordo e xa se está metendo en cocedeiro. Comezamos cedo coa fábrica. A tempada do fresco chegará de mediados de xullo para adiante. Estes catro ou cinco últimos anos estivemos botando un 80 % para fresco e un 20 para fábrica, cando o normal era un 40 e un 60 %. Creo que desta volta vaise equilibrar», conclúe Manolo, a quen un golpe apartou hai nove anos da batea, pero non dun sector que continúa levando no sangue.
A comezos de xuño, coincidindo coa celebración dunha xornada sobre miticultura europea, Opmega organizou un acto de recoñecemento ao Pescador, «un puntal da asociación da Illa, por unha vida enteira dedicada ao sector», como subliñou Ricardo Herbón, o seu presidente.