Sobre os seis mil coches que o PP quere devolver á avenida Castelao
AROUSA
Estes días estiven pensando moito na proposta que andan a lanzar o Partido Popular e o non adscrito nas tabernas para volver ao dobre sentido de circulación da avenida Castelao. Despois de revisar os datos e botar a vista atrás, creo que é necesario facer unha reflexión en voz alta, porque para saber cara onde imos, cómpre lembrar de onde viñemos.
Moitos veciños e veciñas da Illa de Arousa lembramos perfectamente o calvario que era esta avenida hai anos. Daquela non eran só coches: os camións do porto do Xufre tiñan que atravesar obrigatoriamente o pobo porque non había outra alternativa, provocando atascos diarios e ata roturas de balcóns e fachas dos veciños e veciñas. Esa asfixia histórica empezou a aliviarse no 2011 coa inauguración da estrada de acceso directo ao porto do Xufre, un fito que por fin liberou o noso centro urbano do tráfico máis pesado.
Pero quedar aí non era abondo; quedaba pendente devolverlle a rúa á xente. Por iso, seguindo esa mesma estratexia, no 2023 completamos a humanización da avenida pasando o tráfico a sentido único. O obxectivo desta medida era tan sinxelo coma xusto: lograr que a rúa fose de quen vive nela, e non de quen simplemente a quere cruzar para ir a outro lado.
A necesidade deste cambio non era un capricho, e os propios datos da Deputación de Pontevedra demostrárono de xeito incontestable. Na súa campaña de aforos do 2020, cando a rúa aínda era de dobre sentido, rexistráronse picos de case 6.000 vehículos nun só día de semana. Esa cifra astronómica traducíase en ruído constante metido nas salas das casas, contaminación no corazón do pobo e unha perigosísima inseguridade para os peóns nuns espazos onde as beirarrúas case nin existían.
A diferenza con respecto a hoxe é radical. Grazas ao sentido único e a zona residencial, esa mesma avenida non supera agora os 1.200 vehículos diarios nin nos peores días. O que conseguimos con isto é tanxible: sacamos máis de 4.800 coches ao día das portas das casas. Hoxe hai menos fume, moito menos ruído e, sobre todo, a tranquilidade de que os nosos fillos e maiores poden camiñar seguros por onde viven. Por todo isto resulta incomprensible que a gran alternativa do PP e do non adscrito sexa dar marcha atrás e esixir un dobre sentido. Propoñer iso é, de facto, esixir que eses 6.000 coches diarios volvan pasar por diante das ventás dos veciños. E diante de tal ocorrencia, a min só me queda preguntarlles: fixestes de verdade as contas do desastre que propoñedes? Falastes coa xente que vive nesa rúa antes de lanzar esa ocorrencia?
Non podemos xogar coa calidade de vida que tanto nos custou conseguir. Por iso deixo unha última pregunta ao aire: gustaríavos que por diante da vosa porta pasasen 6.000 coches cada día? Despois de tantos anos padecendo un tráfico insoportable na avenida Castelao, agora que por fin se logra vivir mellor e gañar un espazo para as persoas, non imos permitir dar un paso atrás nin volver ao pasado. E niso vou ser totalmente rotundo: non. Comigo que non conten para dar pasos atrás.
Luis Arosa (PSdeG-PSOE) é o alcalde da Illa de Arousa.