Do «catfishing»

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

A poboación máis vulnerable: as estafas online increméntanse con persoas maiores.
A poboación máis vulnerable: as estafas online increméntanse con persoas maiores. Martina Miser

Este novo xeito de estafa trata de seducir a outra persoa facéndolle crer a través de conversas de internet que naceu unha relación de amizade ou de amor 

24 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos tempos turbulentos, de cambios velocísimos; e os que saímos de aldeas, no sentido de aldea como lugar con cultura tradicional integrada no ir e vir da natureza, témolo máis complicado se nos esquecemos do noso ser. Parece milagre adaptármonos á realidade actual. Atesouramos moito mérito por conseguilo. Con iso e con todo, o ser humano é un animal con cinco sentidos —non todos moi desenvolvidos—; dígase o que se diga, está mellor deseñado para esa vida na aldea onde, precisamente, eran útiles, suficientes, eses cinco sentidos apoiados nos saberes tradicionais e na cultura acumulada. A introdución no día a día da comunicación dixital, a internet, as redes sociais e, ultimamente, a Intelixencia (sic) Artificial, non parece compatible coa necesidade física que temos de experimentar as sensacións a través dos olores, do contacto coa pel, do padal, das miradas. Porque ata agora o ser humano expresábase só a través dos sentidos, conxuntamente.

Desde o punto de vista dun humano, o mundo dixital e os seus xeitos insípidos, inodoros e fríos, parecen máis ben instrumental para un futuro mundo robotizado. Pola internet non se pode coller na man unha presada de area húmida da praia e notar as múltiples sensacións dun feito tan simple. Pero a triste, desconcertante, realidade é que agora imos camiñando pola vida, e tamén o digo no seu sentido literal, pegados a artefactos chamados móbiles dos que se nos afirma, non o creo, que levan dentro de si, friamente, o mundo enteiro.

Hai xa algún tempo as autoridades educativas empezaron a reaccionar separando os menores de tabletas, wifi e demais tecnoloxías —que gran negocio!— que provocan, por exemplo, que os nenos non teñan contacto entre si, nin coa realidade sensorial. Segundo o INE, o 96,3 % da poboación de 16 a 74 anos usou Internet, o 59,6 % comprou na rede e o 37,9 % empregou ferramentas de Intelixencia (?) Artificial Xenerativa, nos tres últimos meses. E nese contexto as estafas online veñen aumentando un 25 % anual. Por iso algo hai que facer tamén coa xente maior. Non é doado para esas persoas adaptarse aos novos xeitos de comunicación. Son coñecidas as dificultades que causan con eles na vida diaria as empresas de telefonía, as entidades bancarias, as aseguradoras, a Administración Pública, que nos insisten en que son comunicacións seguras. Pero, ademais, o uso da internet xa é un fenómeno do día a día para cometer feitos delituosos aproveitando que os cidadáns confían de xeito esaxerado nas plataformas dixitais, sen tomar precaucións sobre a veracidade dos produtos online nin da identidade e boa fe do interlocutor. Todo o contrario do que pasaba nas aldeas ou nas vilas de Galicia, onde se sabía con quen e que se trataba.

Ata hai un fenómeno, neses caladoiros das redes sociais, xa demasiado habitual polos xulgados adiante, denominado catfishing, un novo xeito de estafa. Trátase de seducir a outra persoa facéndolle crer a través de conversas de internet que naceu unha relación de amizade ou de amor —como parecerá posible fóra dos cinco sentidos?— ata conseguir que a vítima, xeralmente persoa vulnerable ou en soidade, crea que o seu amado está pasando por un mal momento económico e, por iso, decida facerlle transferencias de cartos. Normalmente as fotografías que envía o estafador nin se corresponden coa súa identidade e hai algúns que, por poñer, envíanas ata de Brad Pitt. Detrás destas condutas de engano hai especialistas en psicoloxía que tamén contan coa vergonza de quen é timado así a denunciar. Vivimos nun mundo que vai máis de présa ca nós, e, por iso, convén pensar como se pensaba nas aldeas e utilizar, sempre, os cinco sentidos. E, ademais, resulta pracenteiro. Non somos máquinas para comunicarnos como elas.