Da beleza do abandono

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Os estripos cobren de branco níveo os territorios
Os estripos cobren de branco níveo os territorios Mónica Irago

O estripo, como a allea acacia, infesta as leiras abandonadas

26 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Montes, baldíos, regatos, vellas terras de labranza, vestíronse xa polo xaneiro desa cor amarela das acacias ventureiras, moi cedo para ver por aquí flores que non fosen as camelias. Agora estamos a rematar coa impresionante beleza dos estripos, que cobren de branco níveo os mesmos territorios. Vaiamos por onde vaiamos, sorprenderannos esas copas redondeadas completamente albas, rodeadas doutras árbores —tantos salgueiros— vulgarmente verdes como se fosen uns ninguén sen nada que amosar.

Os estripos agora mesmo vense vaidosos, cunha chulería infinita, ata insultante. Vénme á cabeza, non sei se con propiedade, aquela frase, un pouco prosaica, de quen nunca tivo un porquiño e agora anda currichiño, currichiño. Fan ben, todo o mundo ten dereito a progresar. E xa coñezo xente que planta estripos como especie decorativa porque deron o salto de só serviren para sebes a mereceren poda, cavado alcorque e ata iluminación artificial. E pódese un sentar diante deles a deixarse impresionar pola súa brancura cumprida, que, en poucos días, desaparecerá. O estripo, como a allea acacia, infesta as leiras abandonadas. Crece de raíz, ou porque os paxaros transportan a semente ou porque os regatos vanllas depositando polas súas beiras. Medran vigorosos, libres e inútiles. Vínganse da pasada represión, de xa non ter que marcaren estremas e porque lles peta e lles dá a gana van inzando por onde cadra.

Foron árbores malditas, perseguidas, que había que arrincar cada pouco porque, como agora que crecen soltas, querían inzar todo. Esa beleza branca é un dos milagres —unha palabra que vén do latino mirari, asombrarse— de cada primavera. Marabíllanos nestes días cando contemplamos esa explosión de cor, como nubes enraizadas, mesturadas entre matogueiras.

Se imos por zonas onde houbo concentración parcelaria, veremos que os estripos non crecen libres. Polo resto estanse a fachendear de que agora mandan eles e de que teñen o convencemento de que xa ninguén os vai sacar de alí. Si, por iso presumen tanto: están seguros de ter conquistado para sempre montes, regatos e vellas terras de labranza. Menos mal que resultan tan fermosos.