Da razón da forza dos cartos

AROUSA

MARTINA MISER

Os habitantes do Grove achegan case cinco millóns de euros anuais para comprar armas, os de Cambados andan a piques dos seis millóns e os de Vilagarcía pasan dos dezaseis millóns

05 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Konrad Adenauer (1876-1967), chanceler federal alemán ata os 87 anos e un dos fundadores da Unión Europea, deixou dito que na política o importante non é ter razón, senón que lla dean a un. Esta frase pode que perdese vixencia porque ás veces é complicado albiscar racionalidade nese eido. Por outra banda, defender a razón non se busca só na política. O de tela é algo subxectivo e incluso propio dun testudo.

En realidade, será moi difícil saber onde está a razón porque anda sempre enleada con outros conceptos tan ou máis complicados: lei, Dereito, xustiza, ética, crenza, cultura. E todo iso pódese volver un barullo insoportable, xa que, por poñer, hai leis inxustas aínda que formen parte do Dereito; e non é menos certo que nun sistema democrático no que o pobo, indirectamente, lexisla, as leis, por esa orixe, achéganse á razón e á xustiza.

Se a busca da razón se enfoca con ópticas procedentes de culturas ou crenzas diversas, tamén será moi difícil dar con ela e a lea pode ser maior. Así que topar a razón sempre será un camiño labiríntico, con reviravoltas, extravío e cear moitas veces. Pero hai que andalo. Para as relacións entre individuos e todo tipo de entes, o actuar máis achegado á racionalidade é guiarse polas normas, polo corpus de Dereito, local, autonómico, nacional e internacional. Rexernos por normas permite respectarnos, ser iguais, e que nos dean ou quiten a razón aplicándoas. E, cando proceda, cambiar esas normas a través das palabras para, aos poucos, darmos pasiños cara alcanzar a meta da xustiza.

Neste momento no mundo parece que se abandonou e se rexeita andar ese camiño. Xa non se leva dialogar e convencer para que nos dean a razón mediante o uso da palabra adornado dun fermoso exercicio de oratoria, como pretendía Adenauer. Non é así e constatamos que queren matar e soterrar á forza da razón. E, máis que contrapoñela coa insoportable e insufrible razón da forza, hai que recoñecer que esta razón da forza é invencible por ir amparada pola potencia dos cartos. Nin máis nin menos, non descubro algo novo: o que vale é ser rico.

Imos fixarnos no Produto Interior Bruto entre habitantes e no gasto en armas anual dalgúns dos países actualmente en conflito. Poñemos datos, en euros, de España, como elemento de comparación. PIB per capita de España 32.771, gasto anual en armas, vinte e tres mil millóns —ollo: somos o décimo sexto país do mundo en gasto!—, o 1,4% do PIB e por habitante, 432; PIB per capita de Estados Unidos 77.189, gasto anual en armas novecentos vinte e seis mil millóns, o 3,4% do PIB e por habitante 2.345; PIB per capita de Israel, 51.698, gasto anual en armas corenta e catro mil millóns de euros, o 8,8% do PIB e por habitante 3.794; PIB per capita de Rusia, 15.030, gasto anual en armas cento corenta e dous mil millóns de euros, o 7,1 % do PIB e por habitante 783; PIB per capita da República Islámica de Irán, 3.509, gasto anual en armas, sete mil cincocentos millóns de euros, o 2% do PIB e por habitante 71; PIB per capita de Ucraína, 5.500, gasto anual en armas sesenta e un mil millóns de euros, o 34% do PIB e por habitante 1.570.

Dous datos máis: como exemplo os habitantes do Grove achegan case cinco millóns de euros anuais para comprar armas, os de Cambados andan a piques dos seis millóns e os de Vilagarcía pasan dos dezaseis millóns; O Salnés uns cincuenta millóns; Galicia, máis de mil millóns. Outro: Israel achega por habitante para mercar armas máis do que gana un iraniano. Cifras que falan soas. Temos que discutir se é razoable ese gasto en armas e actuar politicamente. Rebelarnos para non sermos cómplices de que a Humanidade dea peniña. Non espero, como sempre, que me dean a razón. Pero téñoa.