Do Novruz, a entrada na primavera persa

AROUSA

Martina Miser

Irán entra no seu ano 1405 en medio dunha guerra

22 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A noite pasada empezou en Irán o ano 1405. Non sei se se podería dicir que o seu calendario é máis lóxico que o noso gregoriano. Tanto dá, pero digo lóxico porque identifica o comezo do ano co reinicio da vida na Natureza. Fíxense estes días como por aquí a vexetación agroma imparable coincidindo co equinoccio de primavera —cando o Sol se coloca exactamente no centro do ceo e día e noite duran o mesmo—. Nesa festa de aninovo denominada Novruz a cultura persa celebra ritos tradicionais diversos: limpeza a fondo das casas, compra de roupa nova, comida con doces, froitas secas —que simbolizan o amor—, grans xerminados, allos, maIránzás, o coñecido pudin sumalak… Pero tamén saltando fogueiras e recitando poemas ou festexando ao aire libre. Todo un conxunto de costumes que levaron á UNESCO a inscribir o Novruz na Lista do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, recoñecéndolle que pon de relevo temas como paz, tolerancia ou diversidade cultural, así como, literalmente, «promover o diálogo, a boa veciñanza e a reconciliación». Iso é o tradicional, o que procede das raíces dese pobo. Imaxino como vivirían os iranianos esta entrada de ano mentres caían bombas por todo o territorio no que reside esa raza aria —de aí vén o nome Irán—. Este país, de tan extensa cultura, volveu atrás na historia en 1979 e cambiou radicalmente cando tomaron o poder os clérigos e instauraron unha Constitución «islámica», para substituír unha monarquía corrupta pola República Islámica de Irán que, obviamente, recorda a todos os gobernos que son e foron no mundo, nos que se mandaba no nome dun deus. Nós mesmos fomos gobernados hai intres por un Caudillo designado pola graza de Deus. Os iranianos son de crenza musulmán chií. A diferenza cos sunitas, vista desde a nosa óptica, é inintelixible: discuten quen debe ser o herdeiro de Mahoma e, alí e noutras partes, armaron guerras por esa teima. Como por aquí entre protestantes e católicos, por poñer. Irán foi fundador da ONU, da OPEP, forma parte dos Países non Aliñados. Asinou a Carta Internacional de Dereitos Humanos pero a realidade é que non existe liberdade de expresión, non hai dereito á información e mantense a pena de morte que se aplica ata a delincuentes comúns, hai un código de vestimenta e incumprilo é delito, e ata se executan menores. Tamén se di que no 1988 eliminou a miles de prisioneiros políticos —Amnistía Internacional documentou máis de catro mil—. Estados Unidos desde o 2002 catalogouno no Eixe do Mal, afirma que apoia o terrorismo e que quere ter bombas nucleares. Non teño nin idea do que pode pasar en Irán no futuro. Pero estou en que non vai ser diferente ao de outros lugares. Nalgún momento rematarán de caerlle e mandar bombas e haberá fondos económicos transnacionais para reconstrución, que reverterán nas grandes empresas occidentais; seguramente do mesmo capital que as que producen a munición, avións, e foguetes varios que están a causar a devastación. Igual descubriremos, convencerannos ou non, que os arios persas non eran tan relixiosos como se dicía e co transcurso duns meses esqueceremos esas imaxes que parecen de xogos electrónicos de guerra; o petróleo e o gas volverán fluír, se cadra ata o comerciarán polo mundo adiante empresas do mesmo capital que esas que fabricaron as armas. Igual seguirá a mandar unha teocracia con acordos soterrados ou un cambio de réxime que vaia dar ao mesmo, sen ter en conta aos cidadáns. O único que sei certo é que a próxima primavera a Natureza volverá abrir o ano novo persa, celebrarase o Novruz e alá volverán estar pendentes de se plantar trigo, algodón ou tabaco, sacar o gando, tecer alfombras ou mesmo fabricar coches —o combustible resúltalles barato— para que siga a ser un dos países do mundo máis contaminados. Non sei que vai pasar —quen o pode adiviñar coas reviravoltas diarias do Mandamáis?— pero, a verdade, é que o mundo enteiro, respectando as crenzas persoais de cada un, ben podería irse esquecendo de manter guerras por diferencias de trasfondo relixioso, estirpe ou cultura. Ou, mellor, nin unha soa guerra. Mais que nada para que os persas puideran conmemorar o ano novo agora e os demais cando nos pete, sen estarmos pendentes de que un ou outro botarate, con deus ou sen el, nos desfaga cun mísil. Que nos deixen en paz dunha vez que o Novruz é moi fermoso.