O BNG valgués urxe un plan de mantemento de instalacións e espazos públicos

La Voz VALGA / LA VOZ

AROUSA

O concelleiro do BNG, Fran Devesa
O concelleiro do BNG, Fran Devesa

Os nacionalistas consideran fundamental facilitar a participación veciñal e reforzar o equipo de mantemento con máis persoal e medios

18 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG de Valga considera imprescindible que dende o Concello se poña en marcha una planificación estruturada do mantemento de instalacións e espazos públicos. Nese sentido, os nacionalistas propuxeron hai xa tempo a posta en marcha dunha aplicación a través da que a veciñanza poida informar de incidencias e problemas. Polo demais, consideran que se poden activar «outras canles sinxelas de participación, como a instalación de caixas de correos para presentar queixas ou suxestións en distintos puntos das aldeas». As incidencias recollidas por esa vía «debería rexistrarse nun sistema municipal que permita unha mellor organización do traballo de matemento».

Polo demais, o Bloque considera que é «prioritario reforzar o equipo de mantemento do Concello, dotándoo de máis persoal e medios», xa que sen ese reforzo, din, «calquera proposta de mellora quedará limitada» e non se poderá dar á veciñanza esa resposta «áxil», que resolva os problemas en prazos razoables e «atender de forma continuada as necesidades da veciñanza». Un obxectivo que, para ser cumprido, esixe ademais da existencia de criterios claros que permitan organizar o traballo e priorizar unhas accións sobre outras.