«Moita TV!», a obra coa que a rapazada de As Covas explora o teatro como forma de aprendizaxe
AROUSA
Arredor de quince nenas e nenos subiranse mañá ao escenario do centro social de Dena
14 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá domingo, arredor de quince rapaces e rapazas do colexio de As Covas (Meaño), vencerán vergoñas, medos e inseguridades e subiranse ao escenario do centro social de Dena. Ás seis da tarde arranca a representación, por parte do grupo O Merlo, de «Moita TV!», unha peza baseada nun conto de Agustín Fernández Paz.
O grupo O Merlo naceu dunha actividade extraescolar impulsada por Carlos Yus, de Migallas Teatro. «Teño os netos no colexio», di el a modo de explicación para o seu particular vínculo con esta escola de teatro. Yus, como non podía ser doutra maneira, está convencido das bondades do teatro como ferramenta educativa, case se podería dicir que civilizatoria. Porque cun pouco de teatro absórbense mellor os coñecementos, pero tamén se aprenden algúns valores deses que son tan intanxibles como imprescindibles para o desenvolvemento san dunha sociedade: o teatro, di Yus, axuda a traballar a empatía —ao final, o actor ponse na pel dunha outra persoa—, ensina a traballar en equipo «e non vai de gañar ou perder; non ten que ver coa competencia, senón con compartir».