Xa son 17 nun total de 26 empregados
08 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A cooperativa de produtores do mexillón á que pertencen Sefa Álvarez, Lola Meis e Ana María Rey ten un bo número de mulleres asociadas, pero o certo é que na entidade a porcentaxe feminina tamén se antolla relevante. As traballadoras son xa 17 dun total de 26 persoas, que se deixan a pel para que o colectivo siga sendo un dos máis relevantes de Galicia, a todos os niveis, unha asociación na que o labor de homes e de mulleres é fundamental.
Tal e como destaca Lola, unha das bateeiras, o nacemento de Amegrove foi fundamental para mellorar o sector e as condicións de traballo dos socios e para que o produto se revalorizase «e non ir coas mostras de depuradora en depuradora». Moitas mulleres estiveron vinculadas á produción de mexillón antes de que a cooperativa existise. Lola di que cando escoita que marcha un socio da cooperativa, morre de pena, pois para ela foi vital a súa aparición.
No caso das féminas, semella que de momento, a pesar de non atravesar o sector a mellor época, a tendencia será ascendente, pois hai moitas dispostas a vivir deste traballo, as que por herdanza familiar dispoñen de batea en propiedade, e as que están dispostas a apostar de cero. Elas sempre estiveron presentes no mundo do mexillón, en moitos casos combinando as tarefas deste produto con outras como a extracción de ameixas ou o traballo nas fábricas de conserva. Todo apunta a que seguirán estando aí, pois o papel da muller no mar, no caso do Grove, é moi importante.