Terreo propicio para o Arousa nun esixente domingo para Cambados e para Céltiga

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imaxe do partido do Arousa a semana pasada, no Manuel Jiménez fronte ao Alondras.
Imaxe do partido do Arousa a semana pasada, no Manuel Jiménez fronte ao Alondras. MONICA IRAGO

Os de Gonza visitan o pechacancelas, o Juventud dirime o seu derbi co Boiro en Burgáns e os de Luis Carro mídense na casa ao CD Barco

22 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi diferente grao de esixencia a que hoxe teñen os equipos do Salnés na Liga de Tercera RFEF, cun Arousa encarando o sobre o papel máis cómodo dos desprazamentos que lle quedan no calendario, mentres ao Juventud Cambados e ao Céltiga se lles presentan rivais que piden elevar o nivel de alerta.

O Arousa de Gonza cursa visita ao campo do pechacancelas (Os Carrís, 17 horas). Con todo o seu equipo dispoñible, agás os mancados de longa duración, aos que se sumou hai unha semana Seijo, o técnico do Arousa ten no Barbadás ao colectivo co balance ofensivo máis pobre, 12 tantos, e o rexistro de goles encaixados máis avultado do grupo galego da Tercera RFEF, 36, dous menos cos que leva anotados o cadro de futbolistas do conxunto vilagarcián.

O preparador do Arousa evitou falar esta semana de partido trampa, pero si salientou a necesidade de entender que «si no sales, sobre todo concentrado, e intentando hacer las cosas lo mejor posible, en esta liga cualquier equipo te puede ganar». Sobre todo un rival con todo que gañar e nada que perder. A receita de Gonza pasa por «dar más continuidad a nuestro juego, es en lo que estamos trabajando», dixo despois de lamentar a baixa de Seijo, un futbolista que «nos estaba ayudando mucho y que se encontraba en un gran nivel individual» ata que partiu o quinto metatarsiano da perna dereita, pasando o luns por quirófano e podendo ser que xa non volva xogar esta tempada.

Á mesma hora co Barbadás-Arousa, Juventud Cambados e Boiro enfróntanse en Burgáns. Dous equipos en crise. O local, cuarto pola cola tras nove xornadas sen coñecer a vitoria, desde o 16 de novembro; o visitante, noveno con 29 puntos, varado por una xeira de catro derrotas e un empate. O técnico cambadés, Pénjamo, perde a Fran Matos, por unha sobrecarga, e recupera a Zalo.

Ás 16.45, o Céltiga recibe a un CD Barco décimo terceiro con 26 puntos e lanzado tras encadear catro vitorias. Os e Luis Carro, pola súa banda, chegan coa moral polas nubes logo de vencer o mércores o Estradense en partido adiado e volver a zona de promoción,.